Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/10/2022 | Actualizada ás 17:08
Os axentes interviñeron, na operación da madrugada do pasado mércores na comarca do Salnés, bautizada como 'Heroin Brown-Turaco-Vieirados', case 1,5 quilogramos de droga, 80.000 euros, cinco coches de alta gama e diversos efectos informáticos e telefónicos.
Segundo informou a Garda Civil nun comunicado, a investigación iniciouse a mediados do ano 2021, cando as unidades policiais tiveron coñecemento da existencia de "un grupo criminal perfectamente estruturado".
Así, segundo indicaron, este grupo dedicábase á venda de sustancias estupefacientes na comarca do Salnés e en localidades limítrofes. Para realizar esa actividade ilícita contaban cun lugar para a almacenaxe, manipulación e posterior distribución das sustancias estupefacientes que "o xefe adquiría".
Os axentes sinalaron que a localización do mesmo estaba na localidade pontevedresa de Vilanova de Arousa, na parroquia da Pantrigueira. "Un lugar de difícil acceso, que complicou os labores de investigación", expuxeron no comunicado.
Desta forma, lograron identificar a todos os integrantes, o seu 'modus operandi' e a súa forma de actuar, con "indicios sólidos" da súa participación na actividade delituosa investigada.
Durante o operativo realizado conxuntamente por Garda Civil e Policía Nacional, foron detidas cinco persoas, pero una delas foi posta en liberdade ese mesmo día, segundo explicaron a Europa Press fontes da Benemérita. Todos os arrestados son de nacionalidade española e residentes na comarca do Salnés.
"ESPÉRANSE NOVAS DETENCIÓNS"
No entanto, os axentes sinalaron que a investigación continúa aberta e "espéranse novas detencións nos próximos días". Con todo, no operativo realizaron dez entradas e rexistros nas localidades pontevedresas de Vilanova de Arousa, Cambados, Sanxenxo e Pontecesures.
Os axentes interviñeron 1,410 quilogramos de cocaína; 30 gramos de heroína; 1.000 gramos de sustancias de corte; 80.000 euros; cinco vehículos de alta gama, así como diversos efectos informáticos e telefónicos.
A investigación está dirixida polo Xulgado de Primaria Instancia e Instrución número 2 de Vilagacía que decretou, o pasado venres, prisión provisional comunicada e sen fianza para dúas dos tidos. Para os outros dous decretou liberdade con comparecencias mensuais, retirada do pasaporte e prohibición de saída do territorio nacional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.