Comuneiros rebélanse contra os plans da Xunta e convocan unha manifestación en defensa do monte veciñal

Será este sábado en Santiago. Acusan o Goberno galego de promover "de forma escura" un cambio normativo que converte os terreos "nunha propiedade de tipo privado"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/10/2022 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (Orgaccmm) convocou unha manifestación para este sábado, 15 de outubro, en Santiago de Compostela para defender o monte veciñal. O presidente da organización, Xosé Alfredo Pereira, informou este martes sobre esta protesta, que terá por lema 'Por unha lei de montes veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade galega', e que sairá ás 12,00 horas da estación de tren da capital.

Cártel da manifestación en defensa do monte veciñal do sábado 15 de outubro de 2022.
Cártel da manifestación en defensa do monte veciñal do sábado 15 de outubro de 2022.

Neste contexto, explicou que esta manifestación está motivada porque "nestes momentos, parece ser, que a Consellería do Medio Rural, de forma escura e antidemocrática, elabora un 'libro branco' sobre o monte veciñal, do que vai saír unha modificación da actual Lei".

Ante isto, sospeita de que no canto dun 'libro branco' será un "libro negro" e do cal denunciou que para a súa elaboración as comunidades de montes "non foron convocadas, nin tiveron ningunha información para elaboralo". Con todo, lembrou que o documento, non o articulado da lei, senón algunhas ideas, estivo en consulta pública "hai uns meses".

Desta consulta pública referiu o sentido das "liñas estratéxicas". Primeiramente, dotar ás comunidades de montes dunha personalidade xurídica, "que elimina o seu carácter xermánico da propiedade veciñal e convérteas de vez nunha propiedade de tipo privado e que se poidan vender, comprar ou repartir".

Así mesmo, indicou que "definen de novo" o concepto de veciño comuneiro. Ante isto, explicou que actualmente "só se adquire se se vive no lugar, aldea ou na parroquia onde existe monte veciñal". Con todo, "o que pretende agora a Consellería do Medio Rural é incluír como persoas con dereito a opción de ser comuneiro as persoas físicas e xurídicas que sen vivir na aldea, no lugar, ou na parroquia teñan algunha relación co monte veciñal".

O que significa que se está lei sae adiante, "poderán ser membros de pleno dereito todos os accionistas das empresas que teñen aproveitamentos do monte, chámese Fenosa, mineiras ou eólicas, entre outras", denunciou o presidente.

En canto á terceira modificación que presenta, é que "todos aqueles alugueres, servidumes e contratos pasen a ter un mínimo de 50 anos, sen ningunha capacidade das comunidades de montes para poder recuperar a xestión das súas terras, o que significa perder a memoria histórica de que naquel lugar existiu algún día monte veciñal en man común", incidiu.

INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR

O presidente da Orgaccmm lembrou que "hai xa un par de anos", ante as "agresivas modificacións que introduciu a Consellería" mediante as leis de acompañamento aos orzamentos, "un mecanismo legal" pero que entenden que "non é democrático", a organización realizou unha campaña mediante asembleas en todo o territorio galego que tiñan como obxectivo a elaboración dun proxecto de lei de montes veciñais.

Como resultado, promoven unha iniciativa lexislativa popular (ILP) que superou as 12.000 sinaturas e se "seguramente será debatida no Parlamento no segundo pleno de novembro", para o que necesita o respaldo dun dos grupos.

Nesta liña, incidiu que outro dos obxectivos da manifestación é que "esta ILP sexa debatida no pleno, pase á tramitación e que finalmente, se elabore unha lei que defenda os principios dos veciños comuneiros".

Pereira considerou que o contexto no que se vai tramitar esa ILP "é agresivo". "O monte veciñal a través da historia padeceu cinco ondas agresivas contra estas terras comunais, catro foron levas a cabo polo Goberno español e esta última é levada adiante pola Consellería de Medio Rural, que ao amparar os intereses capitalistas, urbanísticos e especulativos pretende que estas terras desaparezan e pasen a ser entidades privadas ao servizo das multinacionais", sentenciou Pereira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta