Alexandre Raimúndez, "o noso home na BBC" e en galego

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Raimúndez, que naceu na cidade das Burgas no ano 1906.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/10/2022 | Actualizada ás 15:04

Comparte esta noticia

O Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega incorpora a biografía de Alexandre Raimúndez (Ourense, 1906-Devon, Inglaterra, 1968) unha personalidade que destacou por ser o impulsor e responsable das emisións en galego da BBC de Londres, "O noso home na BBC", como o define Afonso Vázquez-Monxardín na entrada que asina.

Fillo de Felisa Fernández Rodríguez e do prestixioso xastre ourensán Benigno Raimúndez, de ideoloxía masónica e galeguista, Alexandre Raimúndez naceu na cidade das Burgas no ano 1906. Con dezaseis anos marchou a Vigo para estudar na Escola Pericial de Comercio e, de alí, viaxou a Madrid, onde, tras terminar os estudos de Profesor Mercantil, incorpórase como profesor auxiliar.

Durante o tránsito á II República, desenvolve unha gran actividade, pois, por exemplo, figura como integrante destacado da loxia masónica Mare Nostrum e participa nas actividades do Ateneo. Atraído pola actividade de Ramiro Ledesma Ramos, asina o manifesto A Conquista do Estado e, ata outubro de 1931, exerce como secretario e colaborador da publicación homónima.

Nos catro artigos que asina, excepto no primeiro, Alexandre Raimúndez mostra a súa visión de Galicia e do mundo, deixando constancia da súa paixón autonomista e defendendo o impulso das identidades, do federalismo e dun acordo non-imperialista con Portugal. Alexandre Raimúndez foi tamén integrante do Secretariado Galego en Madrid, unha asociación que buscaba contribuír ao proceso de reivindicación do Estatuto de Galicia. En 1932, é elixido secretario segundo da Sección de Ciencias Económicas do Ateneo de Madrid.

A súa carreira profesional trasládase á Cidade Condal no ano 1935, onde é nomeado catedrático de Estudos Superiores de Xeografía na Escola de Altos Estudos Mercantís de Barcelona. Da súa actuación na Guerra Civil só se sabe que ao seu fin foxe a Francia e que pasa polo campo de refuxiados da praia de Argelès-sur-Mer, de onde sairá grazas ás xestións dun pastor protestante.

Xa coa súa residencia de acollida fixada en Suffolk, en maio de 1939 Alexandre Raimúndez comeza a facer as xestións necesarias para emigrar a México como profesor cando lle xorde a oportunidade de incorporarse ao servizo para España que a BBC ía inaugurar en xuño. Desde 1941, desenvolve as tarefas de redactor da Sección Española e radia o día a día do II Guerra Mundial, radiando, tamén, contidos en galego.

Alexandre Raimúndez
Alexandre Raimúndez | Fonte: arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta