O BNG ve "pelotazo fiscal" e PSdeG "propaganda" nos orzamentos da Xunta para 2023

O PPdeG destaca o incremento do teito de gasto e o carácter social que terán as Contas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/10/2022 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O BNG insta á Xunta a "retirar o pelotazo fiscal" do proxecto de orzamentos da comunidade autónoma para 2023, mentres que o PSdeG ten "expectativas baixiñas" en relación con que inclúa medidas "eficaces" para apoiar aos sectores máis vulnerables.

En senllas roldas de prensa, os portavoces do Bloque e do PSOE galego na Cámara autonómica, Ana Pontón e Luís Álvarez, respectivamente, foron preguntados polas contas públicas da Xunta para o ano que vén, que está previsto que entren esta semana no Pazo do Hórreo.

"O que esperamos é que eses orzamentos retiren o pelotazo fiscal que o PP prepara para 7.700 millonarios", subliñou a líder dos nacionalistas, antes de asegurar que son rendas cunha media de patrimonio de 6 millóns de euros. "É unha falta de respecto a todas as persoas que o están pasando mal", dixo.

Con ese diñeiro, engadiu, "poderíanse contratar 700 médicos de atención primaria ou acabar coas listas de espera en dependencia". Por iso, concluíu que cre que os orzamentos "van ir na dirección contraria do que necesita este país". "Xa o están demostrando coas medidas que imos coñecendo", finalizou.

"EXPECTATIVAS NULAS"

Pola súa banda, Luís Álvarez sinalou que "francamente as expectativas con respecto a medidas eficaces son baixiñas por non dicir nulas". Os "macro" números non serven para "as persoas máis necesitadas", incidiu, antes de precisar que o seu grupo reclama unha subida ata o 8,5% do complemento autonómico ás pensións non contributivas.

Así, apelou a "analizar" os orzamentos cando se coñezan, pero agregou que "tendo en conta a política de publicidade e propaganda, se tivesen algunha medida eficaz anunciárona máis dunha vez".

ORZAMENTOS SOCIAIS

En rolda de prensa, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, tamén se referiu a este tema, sinalando que "outra cuestión que vai marcar a semana" será a presentación na Cámara galega dos orzamentos da Xunta para 2023.

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no debate sobre o plan estratéxico da Xunta no Parlamento. XUNTA
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no debate sobre o plan estratéxico da Xunta no Parlamento. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta