Rueda compromete 137 millóns máis para Primaria e 61 contratos para saúde mental en 2023

O PSdeG aféalle "un amor por Galicia 'low cost'" e o BNG propón dotar de psicoloxía clínica os centros do primeiro nivel asistencial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 12:02

Comparte esta noticia

A situación da sanidade pública volveu centrar a sesión de control do Parlamento, na que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou "avances" e investimento en áreas como Atención Primaria ou saúde mental, foco das críticas de PSdeG e BNG, á vez que reiterou a súa mensaxe de que "só" o Goberno central ten as ferramentas para "solucionar" situacións como a falta de persoal médico.

Con motivo do Día contra o cancro de mama, o propio presidente, así como deputados de PPdeG e de PSdeG, luciron o simbólico lazo rosa; e o portavoz parlamentario socialista, Luís Álvarez, arrincou a súa intervención cunha mostra de solidariedade cara a quen o sofren. Secundoulle Rueda, manifestando o apoio da Xunta, e tamén o seu recoñecemento aos doutores Carlos Velasco e María García Vieites, polo transplante realizado a un menor que levaba dous meses conectado a un corazón artificial na UCI do Materno coruñés.

Tras o arranque, Álvarez cargou con dureza contra o Goberno galego e suxeriu que os populares, que proclaman de forma reiterada o seu "amor por Galicia", profesan en realidade "un amor 'low cost'". De feito, recorreu a un símil empregado na pasada polo portavoz popular, Pedro Puy, na defensa da política fiscal da Xunta, para acusar a Rueda de "desplumar" o sistema sanitario público.

Enfronte e a pesar de que admitiu que hai cuestións por mellorar, Rueda defendeu o traballo feito polo seu Goberno. Como exemplo, avanzou que os orzamentos autonómicos de 2023 recollerán un incremento "de máis dun 10% --137 millóns máis-- para Atención Primaria, ata situarse na contorna dos 1.500 millóns".

Tamén lembrou outros compromisos orzamentarios, como os 65 millóns de euros (3,8 millóns máis que o ano pasado) para formación sanitaria especializada; os 4 millóns para pagar extras aos profesionais de Primaria que prolongan a súa xornada; e 3,5 millóns para crear 130 novas prazas de profesionais no primeiro nivel asistencial galego: persoal de enfermaría, xestión e fisioterapia que se incorporará ao longo do ano próximo aos centros de saúde.

Ademais de reivindicar a mellora nas atencións prioritarias nos tempos de espera --puxo o exemplo, precisamente, de pacientes oncolóxicos--, ratificou que en 2023 se incluirán novas patoloxías na garantía de tempos máximos.

SAÚDE MENTAL

E xa na súa resposta á nacionalista Ana Pontón, anticipou a intención da Xunta de contratar o ano próximo 61 especialistas máis en saúde mental, cun investimento de 2,6 millóns de euros, que tamén se recollerán nos orzamentos autonómicos para o próximo exercicio que entrarán na Cámara autonómica este xoves. Cos 125 xa contratados alcanzaranse os 186, polo que defendeu que se cumprirán os obxectivos do plan de saúde mental aprobado con horizonte ata 2024.

En fronte, a parlamentaria nacionalista puxo en dúbida que haxa avances en saúde mental e alertou dos efectos en todos os tramos etarios da sociedade da "gran pandemia do século XXI". "A taxa de suicidios en Galicia supera a media estatal, pero hai 10.000 persoas esperando cita en Psiquiatría", exemplificou, antes de advertir: coidar a saúde mental "non pode depender da túa conta corrente".

E anticipou propostas, como un incremento do investimento e a dotación de psicoloxía clínica nos centros de Primaria. Non en balde, acusou o PP de deixar na marxinalidade a saúde mental e avisou de que hai "miles" de persoas en Galicia que "non teñen máis axuda que unha caixa de Prozac ou de Lorazepam".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control.. Xunta de Galicia
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na sesión de control.. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta