Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/10/2022 | Actualizada ás 22:00
Fixo honor ao seu nome imperial. Augusto César Lendoiro foi o ‘emperador’ que liderou as maiores conquistas herculinas na historia do fútbol. Baixo o seu mando, entre os anos 1988 e 2014 despois de Cristo, o equipo gañou unha Liga, dúas Copas do Rei e tres Supercopas de España. Agora, o ‘emperador’ derrocado, tamén causante da desfeita na que se atopa actualmente o club (foi responsable do maior concurso de acredores da historia da Liga e deixou o Deportivo arruinado e ao bordo da desaparición), mudou de vida e converteuse nun ‘académico’.
O expresidente do Deportivo da Coruña vén de publicar o seu primeiro ‘paper’ (artigo académico/científico). Faino na Revista de Entrenamiento Deportivo, unha publicación que, ‘curiosamente’, se edita na Coruña e que se declara como unha revista “interdisciplinar e independiente” que presume de ser, “en español, a revista máis antiga das que se dedican en singular ao adestramento deportivo de competición” –edítase desde 1987–, aínda que non conta con ningunha certificación relevante de calidade académica e non está indexada por ningunha base de datos internacional importante.
O título do artigo é ‘Fútbol Profesional: Sín igualdad hasta que se instaure el tiempo efectivo de juego (EPT) y se homogenicen las dimensiones del campo’. Un traballo que Lendoiro asina como “presidente del Real Club Deportivo La Coruña (1988-2013), fundador y presidente del Liceo Hockey Club, fundador y presidente del Ural C.F.”. Un texto que é un despropósito na súa forma e contido, e no que abundan os erros ortográficos e gramaticais, comezando polo propio título, onde poñen acento ortográfico á preposición monosílaba castelá “sin”.
“O fútbol profesional ten pendente resolver a unificación do tempo efectivo de xogo así como das medidas das dimensións dos terreos de xogo"
Lendoiro non o fai só, acompáñao como coautor Rafael Martín Acero, un vello coñecido do club deportivista que asina o traballo como “coordinador de los Servicios de Apoyo al Rendimiento del Futbolista (SARF) del R.C. Deportivo La Coruña (1999-2019)” e que actualmente é profesor e decano na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña (UDC).
O obxectivo de ambos os dous con este traballo, din, é que o fútbol profesional “unifique o tempo efectivo de xogo así como as medidas das dimensións dos terreos de xogo” para “garantir a igualdade das competicións”.
Lendoiro e Martín Acero argúen que “en tanto non se resolvan estas cuestións estruturais, non se estará garantindo a igualdade das competición, xa que a diferenza do tempo efectivo de xogo entre partidos pode chegar a ser de nove e máis minutos, e a diferenza de superficie do terreo de xogo pode levar a ter que cada xogador dun equipo teña que ‘atender’ nalgún campo máis do 8% de superficie que noutro”.
Por iso, piden que se estandaricen estas dúas cuestións –tanto o tempo efectivo como as dimensións dos campos– xa que permitiría “a mellora dos procesos nos que son responsables os adestradores e técnicos”, e “diminuiría o estrés nos árbitros, técnicos, futbolistas e espectadores”, defenden.
Ademais, argúen, “a aplicación actual da restitución de tempo non xogado leva a inducir condutas antideportivas de futbolistas, técnicos e públicos”.
En definitiva, defenden que “o fútbol profesional ten pendente resolver a unificación do tempo efectivo de xogo así como das medidas das dimensións dos terreos de xogo e a súa relación coas métricas que afectan a seguridade de futbolistas e espectadores”.
GABANZA DE SI MESMO
Lendoiro e Martín Acero afirman que os “obxectivos principais das reformas aínda pendentes” que propoñen baséanse en “estudos moi concretos”. Pero contra as normas das publicacións académicas, na Introdución do seu traballo nin citan nin referencian ningunha investigación científica ou publicación académica sobre este asunto.
A Introdución é un despropósito desde o punto de vista académico, sen nin unha soa referencia científico-académica, sendo puramente unha gabanza de Lendoiro a si mesmo
O único nome referenciado nese apartado é, curiosamente, o do propio Lendoiro, nun exercicio de autopromoción e apoloxía de si mesmo no que cita unhas declaracións súas publicadas nunha peza de Onda Cero Coruña o 17 de setembro de 2021, na que se recolle a súa participación no ‘Elite Soccer Congress’ celebrado en Madrid, aportando un enlace no apartado de Referencias a esa peza, onde xa expuxera mudanzas na xestión do tempo efectivo dos partidos, dimensións idénticas para todos os campos e un tempo morto por partido para cada adestrador.
Este exercicio narcisista de Lendoiro tamén se plasma na Introdución en parágrafos como o que segue, impropios dunha publicación académica seria, rigorosa e de calidade:
“En este grupo de trabajo sobre fútbol y COVID-19 participaron tres especialistas que pertenecieron a los Servicios de Apoyo al Rendimiento del Futbolista del R.C. Deportivo de La Coruña, club que siempre participó en propuestas de mejoras del fútbol, a partir del conocimiento experto de su presidente, Augusto C. Lendoiro, que lleva algunas décadas promoviendo reformas como, por ejemplo, cuando solicitó formalmente a mediados de los años 90 del S.XX que a los clubes que prestasen jugadores a las competiciones internacionales de selecciones se les garantizase un seguro ante lesiones y eventos y se les compensase económicamente por su préstamos y, en caso de lesiones, se compensasen daños y perjuicios, la FIFA tardó más de una década en atender esta petición, ahora ya consolidada; también viene proponiendo desde hace décadas la incorporación del sistema de tiempo de juego efectivo (EPT), que para algunos sigue siendo una idea o demasiado original o innecesaria”.
A Introdución, en definitiva, é un despropósito desde o punto de vista das normas académicas, sen proporcionar nin unha soa referencia científico-académica, sendo puramente unha gabanza de Lendoiro a si mesmo co apoio de Martín Acero.
BENEFICIAR A ÁRBITROS, ADESTRADORES E ESPECTADORES
Centrándonos neses “obxectivos” expostos na súa Introdución, o que propoñen é facilitar “a maior igualdade posible a deportistas e equipos” coas reformas e estandarización do tempo de xogo efectivo entre competicións do mesmo nivel en países diferentes e entre partidos da mesma competición, e as mesmas dimensións en lonxitude e anchura nos terreos de xogo.
Tamén cren que estas mudanzas posibilitarían unha “maior axuda posible aos árbitros”, cun “tempo de xogo efectivo cronometrado con recursos humanos e tecnolóxicos de máxima confianza, diminuíndo a súa multitarea nos momentos finais de maior tensión, con moita menos presión do ambiente, técnicos e deportistas”, argúen.
Defenden, ademais, que estas reformas permitirían unha “maior estabilidade nos procedementos estratéxicos dos técnicos”, xa que ao estandarizarse o tempo de xogo efectivo e as dimensións do terreo de xogo, “os procesos de adestramento físico, técnico e tácticos progresarán positivamente”.
“Cun tempo de xogo efectivo coñecido e fiable haberá menor risco de condutas antideportivas”, defenden Lendoiro e Martín Acero
Non só iso. “Cun tempo de xogo efectivo coñecido e fiable haberá menor risco de condutas antideportivas”, afirman.
Por último, consideran que estas reformas garantizan “o maior respecto posible aos espectadores”, xa que “ao coñecer o tempo de xogo efectivo, comprenderanse e aceptaranse mellor as decisións arbitrais dos últimos e moitas veces decisivos minutos de xogo” e, en consecuencia, cren que “ao diminuír a frustración e percepción de inxustiza, diminuirá o risco de provocar condutas antideportivas e violentas”.
A primeira cita dun estudo atópase na sección de Resultados e Discusión, onde Lendoiro e Martín Acero citan mal (traducen ao castelán o título orixinal en inglés) un traballo de Poli, Ravenel e Besson publicado en 2021 polo CIES Football Observatory, titulado ‘Pan European analysis on the fluidity of football matches’; un estudo que non é científico-académico e que nin sequera conta co fundamental apartado de Referencias nin cunha revisión académica. E, malia isto, é o estudo que utilizan Lendoiro e Martín Acero no seu traballo como principal referencia para xustificar mudanzas sobre o tempo efectivo de xogo.
De feito, as súas propostas baséanse naquel estudo sobre 37 campionatos europeos no que se demostraría, para eles, que “o tempo promedio de tempo de xogo real efectivo por partido é duns 55 minutos, á vez que a media de duración total (non de xogo efectivo) foi de 96 minutos e 14 segundos”. Ademais, engaden, “a diferencia promedio entre a duración efectiva dos partidos entre varias ligas europeas pode chegar ata os 10 minutos por partido”.
Baseándose nese estudo, destacan tamén que “o tempo real acumulado (minutos) polo número de veces que o balón está fóra do campo e por faltas non se corresponde co tempo que os árbitros engaden na prolongación dos 90 minutos regulamentarios”. Comparando por países, “das cinco competicións europeas máis importantes (Alemaña, España, Francia, Italia, Gran Bretaña) é na primeira división de LaLiga (España) onde se acumula máis tempo co balón fóra do campo, e tamén pola execución das faltas. A media de tempo non efectivo de xogo, estando o balón dentro do terreo, é de 8,5 minutos por partido”, apuntan.
Por todo isto, consideran que “se altera a igualdade de condicións de competición entre partidos pola diferente duración do tempo de xogo efectivo”.
“INTENCIÓN ESTRATÉXICA”
A partir de aquí, Lendoiro e Martín Acero falan dunha “intención estratéxica nas interrupcións nos partidos de fútbol profesional”, recorrendo, por fin, a un estudo científico revisado por pares nunha revista académica internacional de calidade. Trátase dun traballo titulado ‘Investigating the inter-country variations in game interruptions across the Big-5 European football leagues’, asinado por dous investigadores das universidades chinesas de Wenzhou e Zhejiang, publicado en 2020 no International Journal of Performance Analysis in Sport.
Os resultados dos investigadores chineses mostraron que os equipos visitantes e os que se enfrontan a adversarios máis fortes tenden a xerar interrupcións de xogo máis longas. Tamén se observou que a duración para executar tiros libres e saques de banda e de meta aumentan cara ao final dos partidos. E nas prolongacións do tempo extra tamén aumentan as interrupcións e a súa duración. Ademais, os equipos que van gañando por un gol aumentan o tempo dedicado a saques de banda e de meta, córners e tiros libres, mentres que os que perden por tan só un gol diminúen significativamente o tempo dedicado a estas interrupcións.
“Parece claro que as interrupcións do xogo están influenciadas significativamente polas tácticas e estratexias de cada equipo, sendo aínda maiores ao final dos partidos”, din Lendoiro e Martín Acero, quen, para proseguir coas súas argumentacións, recorren a outra investigación revisada de investigadores da Universidade Nacional de Singapur e a Escola de Administración de Yale (Estados Unidos): ‘Strategic rule breaking: Time wasting to win soccer games’.
Neste traballo, publicado en 2019, os investigadores examinaron a “perda de tempo estratéxica, un comportamento que axuda aos equipos a gañar partidos ou a empatar partidos contra opoñentes superiores, pero que é contrario ao obxectivo do xogo como entretemento para os espectadores”, sinalaron os autores dese estudo, que concluiron: “Demostramos que a perda de tempo estratéxica está moi estendida e realízase mediante o reinicio atrasado do xogo despois da captura do balón por parte do porteiro, o saque de meta, o saque de banda, o tiro libre, o saque de esquina e a substitución”.
O 'paper' só contén oito referencias, das cales cinco son estudos revisados e publicados en revistas científicas internacionais; no mundo científico considérase que un ‘paper’ debe ter un mínimo de 20-25 referencias
Lendoiro e Martín Acero comentan sobre esta investigación: “Determinouse que a perda de tempo estratéxica está moi estendida, o cal aumenta a presión sobre os futbolistas polo reforzo (verbal, xestual ou simbólico) de compañeiros e seguidores, o que promove no deportista a infracción «case obrigada» das regras, dificultando o final do partido e a arbitraxe”.
Nesa liña, tentan afondar no problema recorrendo a unha terceira investigación realizada na Universidade Técnica de Múnich (Alemaña) e publicada en 2018 na revista científica internacional Journal of Sports Science & Medicine. Trátase dun traballo titulado ‘Decline in Match Running Performance in Football is affected by an Increase in Game Interruptions’, que de novo traducen ao castelán no apartado Referencias (algo que nunca se debe facer nun artigo académico) como ‘La disminución del rendimiento de la carrera de partidos en el fútbol se ve afectada por un aumento en las interrupciones del juego’. Ese estudo cuantificou as interrupcións no xogo relacionadas co rendemento e fatiga dos xogadores na Bundesliga, en Alemaña.
Os resultados dese estudo mostraron que “diminución no rendemento dos xogadores nos desprazamentos en carreira durante os partidos de fútbol se amplifica substancialmente por un aumento comprobado nas interrupcións do xogo, a medida que avanza o partido, e non só pola fatiga física”, destacan Lendoiro e Martín Acero.
A continuación, tentan analizar tamén moi escuetamente o impacto do sistema Video Assintence Referre (VAR), cun só estudo como referencia, realizado sobre a Liga española por investigadores das universidades de Euskadi e Vigo, publicado no International Journal of Performance Analysis in Sport en 2020. Neste caso, aplicando as normas, si mantiveron o título orixinal do artigo en inglés: ‘The effects of the Video Assistant Referee system (VAR) on the playing time, technical-tactical and physical performance in elite soccer’. Dese estudo, conclúen que o VAR “non parece afectar o tempo de xogo efectivo”.
Outro aspecto tratado moi brevemente por Lendoiro e Martín Acedo é o “comportamento dos seguidores e resultados axustados en minutos finais”. Para isto, recorren a un estudo publicado en 2015, do que tamén respectan o título orixinal en inglés: ‘Football Fan Aggression: The Importance of Low Basal Cortisol and a Fair Referee’, asinado por investigadores do Departamento de Psicoloxía Social e Organizacional da Universidade Libre de Ámsterdam (Países Baixos) e do Laboratorio de Neurociencia Social Cognitiva da Universitat de València.
“Investigado o comportamento dos seguidores e fans, identificouse claramente que a agresividade foi maior cando se culpaba o árbitro, o resultado do partido percibíase como inxusto, ou eran os minutos finais con resultados axustados, é dicir, cando un equipo lle convén estratexicamente perdía tempo e o árbitro non restituíu como tempo de xogo efectivo o tempo real perdido”, apuntan Lendoiro e Martín Acero sobre aquel estudo.
DIMENSIÓNS DOS CAMPOS
Respecto ás dimensións dos terreos de xogo, Lendoiro e Martín Acero abren un apartado para este asunto na sección de Resultados e Discusión no que realmente non hai discusión, pois non se inclúe nin unha soa referencia doutros autores e a única utilizada é unha autocita do propio Lendoiro das súas declaracións recollidas nunha peza de Onda Cero Coruña o 17 de setembro de 2021, sobre a súa participación no ‘Elite Soccer Congress’ celebrado en Madrid.
O que fan é simplemente valorar personalmente as regras que permiten que as dimensións dos campos de fútbol poidan ser diferentes, dentro duns límites. A súa aportación é esta crítica: “Estas diferenzas son comprensibles para non xerar dificultades de desenvolvemento da práctica do fútbol e para as competicións de certos niveis de fútbol. Non é comprensible porén que en fútbol de máxima categoría non se aborde a reforma das dimensións dos campos de xogo, xa que son un factor non menor de desigualdade”.
Nos Resultados e Discusión propoñen unha única medida dos campos de fútbol, pero non aportan sobre ese tema ningunha cita máis que unhas declaracións do propio Lendoiro
E engaden: “A proposta máis lóxica que os terreos de xogo en fútbol profesional teñan as mesmas medidas, por exemplo, 105m de longo por 68 de ancho e que se esixan unhas medidas mínimas iguais de seguridade para espectadores e deportistas (Lendoiro, 2021)”.
Finalmente, Lendoiro e o seu colega abren un último apartado de “Conclusións e aplicacións” no que defenden que “non se debería aumentar a demora destas reformas no fútbol profesional” e piden “establecer canto antes o sistema de tempo de xogo efectivo e a estandarización das dimensións únicas de todos os terreos de xogo e a súa relación coas métricas que afectan á seguridade de futbolistas e espectadores”.
Para eles, “estas medidas afectarán moi positivamente a igualdade das competicións, nun mesmo partido para os dous equipos e para todos os equipos dunha mesma competición”. E rematan: “Estas sinxelas reformas terán unha grande influencia para a mellora dos procesos de adestramento e do plan e dirección de partido dos técnicos, achegarán unha diminución da presión e estrés nos árbitros, técnicos e xogadores, transmitindo aos espectadores e seguidores menos estímulos para producir condutas antideportivas”.
UN TRABALLO CON CARENCIAS E ERROS
Unha máxima académica é que sen metodoloxía non hai ciencia nin coñecemento científico. Aínda que o artigo de Lendoiro e Martín Acero pretende ser un estudo de revisión sobre o problema que tratan, o certo é que non o é. Trátase simplemente dun panexírico do expresidente do Deportivo para resaltar a súa postura e a súa propia figura.
O artigo non inclúe o obrigado apartado de Metodoloxía que explique que pasos seguiron os autores no seu estudo do problema
Non hai metodoloxía deseñada, aplicada e explicada para esa revisión da literatura académica, e úsase discrecionalmente e de xeito pouco académico un puñado escaso de estudos validados cientificamente para fortalecer os argumentos de Lendoiro sobre as normas do fútbol. En total, tan só oito referencias, das cales cinco son estudos revisados, validados e publicados en revistas científicas. Totalmente insuficiente para un traballo que aspire a ser académico (no mundo científico considérase que un ‘paper’ debe ter un mínimo de 20-25 referencias).
E non pode haber unha sección de Resultados e Discusión cando non hai método aplicado e explicado nin investigación propia sistematizada (neste caso, unha revisión) e non se presentan para a súa discusión outras posturas diferentes ás de Lendoiro e máis estudos que os poucos seleccionados arbitrariamente.
O texto, en definitiva, é pésimo na forma e no fondo, cheo de eivas e erros, pragado de faltas, vulgar e moi afastado do que se pode considerar un artigo científico e dos estándares académicos na redacción, estrutura e contidos. En ningunha revista académica seria, rigorosa e de calidade pasaría o filtro da revisión por pares.
A RELACIÓN ENTRE LENDOIRO E MARTÍN ACERO
Como é posible, entón, que se publique un texto de tan baixa calidade? Rafael Martín Acero, coautor con Lendoiro deste artigo pseudoacadémico, é, precisamente, o editor científico da Revista de Entrenamiento Deportivo. Ademais, preséntase como “coordinador de los Servicios de Apoyo al Rendimiento del Futbolista (SARF) del R.C. Deportivo La Coruña (1999-2019)”. E, segundo o xornal La Voz de Galicia en 2013, Martín Acero figuraba no rexistro mercantil como administrador de Consultores de Alto Rendimiento SL, empresa que prestaba servizos ao Deportivo con Lendoiro como presidente.
Martín Acero foi coordinador do SARF do Deportivo da Coruña e administrador de Consultores de Alto Rendimiento SL, empresa que prestaba servizos ao Deportivo con Lendoiro como presidente
O club entrara en concurso de acredores en xaneiro de 2013. E a administración concursal comunicou a Lendoiro que a prestación de Consultores de Alto Rendimiento quedaba descartada. Como explicaba o xornal coruñés, ao club se lle comunicou que aquel era un “servizo que non se pode pagar aos prezos que se está facendo e, dadas as condicións do club, non se pode admitir”. Segundo a documentación que obraba no xulgado, e de acordo ao publicado en La Voz, o Deportivo pagaba 4.000 euros mensuais a Martín Acero a través de Consultores de Alto Rendimiento SL.
O sorprendente desta historia é que o actual decano da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña e catedrático Rafael Martín Acero acceda a prácticas que empobrecen o mundo académico e apareza en internet este artigo, obtido a través da plataforma Grupo Sobre Entrenamiento (G-SE), que administra, entre outras, a Revista de Entrenamiento Deportivo, editada na Coruña e na que o pagamento das suscricións, a través do Banco de Galicia, se fan a nome de Grupo Sobre Entrenamiento S.A., fundado en 1997 en Córdoba, Arxentina.
>> Descarga aquí o artigo asinado por Lendoiro na Revista de Entrenamiento Deportivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.