Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/10/2022 | Actualizada ás 20:00
O xuíz de atletismo galego Jorge Blanco vén de ser galardoado coa Placa Juan Sastre, a máxima distinción estatal de atletismo. A entrega terá lugar o próximo sábado, 29 de outubro, a partir das 21:00 horas no hotel Attica21 da Coruña.
Esta placa representa un dos galardóns máis importantes que outorga a Real Federación Española de Atletismo e o seu Comité Nacional de Xuíces, que distingue anualmente á Xuiza ou Xuíz que máis destaque polo seu interese, continuidade, constancia, achegas e amor ao Atletismo. Desde a súa creación no ano 1970 tan só otro xuíz galego, Ramón Docal no ano 1993, foi distinguido con este recoñecemento.
No acto de entrega estarán o presidente da Real Federación Española de Atletismo Raúl Chapado, o Presidente da Federación Galega, Isidoro Hornillos, a Xunta Directiva do Comité Nacional de Xuíces, os presidentes dos Comités Autonómicos de Xuíces de Atletismo, membros da Xunta Directiva do Comité Galego de Xuíces e membros da Xunta Directiva da Federación Galega de Atletismo e representantes do Concello da Coruña, entre outros.
Jorge Blanco (A Coruña, 1952) comezou a súa andaina como Xuíz de atletismo no ano 1982, e alcanzou a categoría de Xuíz Nacional (actual Nivel 2) en 1987 e a categoría de Xuíz Árbitro (actual Nivel 3) en 1991, cando foi o número 1 da promoción. Ademais, obtivo tamén a categoría de Xuíz Árbitro Nacional en 2003 (actualmente non existe esta categoría). Durante todo este tempo actuou en preto de 2.000 competicións autonómicas, tanto en pista ao aire libre, pista cuberta, campo a través, ruta, marcha ou trail.
A maiores, tomou parte en máis de 40 Campionatos de España e Mitings Nacionais como Xuíz Árbitro, Xurado de Apelación, Director Técnico, Director de Reunión ou Xuíz Xefe de Marcha; e en probas internacionais que van dende os Xogos Olímpicos de Barcenola-92 ou a Copa do Mundo Barcelona 1989 ata o Campionato Mundo Junior Barcelona 2012 ou Campionato Europa Master Madrid 2018.
Ademais dos seus labores como xuíz de atletismo, tamén é membro do Panel da World Athletics de Homologadores de Circuítos (grao A) desde o ano 2000, e membro dos paneis nacionais “A” de Marcha e Dirección Técnica. Realizou máis de 100 homologacións de circuítos e infinidade de Maratóns que se celebran en España así como no circuíto de Marcha da Coruña, onde se bateu o récord do mundo en 2015. Colaborou na formación de xuíces do Comité Galego e Monitores e Adestradores de Atletismo.
Durante a súa dilatada vida atlética recibiu o Premio RFEA ao mellor xuíz en 2011, o Premio Deporte Galego ao Mellor Árbitro en 2011 e a Placa Ramón Docal do Comité Galego de Xuíces en 2017.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.