Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2022 | Actualizada ás 19:53
Un total de oito persoas tiveron que ser trasladadas ao hospital, unha delas a bordo dun helicóptero medicalizado, tras resultar feridas nunha colisión entre dous coches no municipio coruñés da Baña. O 112 Galicia tivo coñecemento deste accidente, ocorrido no quilómetro 11 da AC-444 ao seu paso pola parroquia de San Mamede de Suevos, pasadas as 14,00 horas da tarde.
Foi un particular o encargado de chamar á central de emerxencias e avisar de que había dous vehículos implicados no choque, con catro ocupantes cada un que, ademais, podían estar feridos.
Seguidamente, o 112 solicitou a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, da Garda Civil de Tráfico e dos bombeiros de Santa Comba, que tiveron que empregar material de excarceración para extraer dúas portas que impedían a saída de dúas das persoas afectadas.
O 061, pola súa banda, mobilizou unha ambulancia que trasladou sete dos feridos, mentres que o oitavo foi ata o hospital de referencia en helicóptero.
COLISIÓN ENTRE TRES COCHES EN VIGO
Por outra banda, pouco antes das 16,30 horas, o 112 tivo constancia doutro accidente ocorrido na A-55 en Bembrive no que se viron implicados dous turismos e unha furgoneta. Unha persoa tivo que ser trasladada.
Varios particulares que se atopaban no lugar chamaron para avisar do ocorrido e alertaban de que os vehículos interrompían a circulación. Naquel momento, os servizos sanitarios xa atendían os feridos, que nun principio non revestían de gravidade, aínda que un deles si precisou ser trasladado.
No operativo tamén participaron Garda Civil de Tráfico, Policía Local de Vigo e os servizos de mantemento das estradas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.