Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/10/2022 | Actualizada ás 20:56
A Unión do Povo Galego (UPG) reivindicou este sábado a figura de Bautista Álvarez, "un loitador incansable" e primeiro presidente da formación que se integra no BNG, cando se cumpren cinco anos do seu falecemento, o 16 de setembro de 2017.
Cun acto celebrado nunha sala do Auditorio de Galicia que quedou pequena, o nacionalismo quixo brindar unha homenaxe a Bautista Álvarez, "pero non de nostalxia, senón de reivindicación da súa figura" e da "súa enorme contribución e legado ao nacionalismo galego".
Marisa Vázquez, Lois Diéguez e Pilar García Negro tomaron a palabra para realizar un repaso da vida e figura de Bautista Álvarez durante o período de clandestinidade, o seu papel durante a transición, a súa chegada ao Parlamento de Galicia e o seu papel na Cámara galega.
Entre algunhas anécdotas que compartiran co homenaxeado, destacaron que Álvarez foi un home "humano, observador e moi próximo" e que defendeu "sen titubeos" a nación galega, ademais de "loitar pola súa xente ata o último minuto da súa vida". Así mesmo, Pilar García Negro definiuno como "o mellor deputado dun Parlamento que non existiu" e que, lamentou, "aínda non existe", para concluír sinalando que "mantivo sempre a firmeza e a ilusión, pero nunca foi un iluso".
Nesta mesma liña, Francisco Rodríguez, Iria Carreira e Roberto Vilameá tamén fixeron un repaso sobre o traballo de Bautista Álvarez na UPG e no conxunto do nacionalismo, o seu papel en relación á Unión da Mocidade Galega (UMG) e na conceptualización teórica do nacionalismo.
O acto, no que tamén estivo presente a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, foi clausurado polo secretario xeral da UPG, Néstor Rego, que a través dun vídeo --non acudiu ao acto presencialmente por estar a pasar a Covid-19-- trasladou ás persoas presentes a importancia dunha "figura central" da UPG, pero "tamén do BNG e do movemento nacionalista contemporáneo".
"Unha persoa que entregou toda a súa vida á causa xusta dunha 'Galicia ceibe'", proclamou o tamén deputado do BNG no Congreso antes de que as centenares de persoas que acudiron a esta sentida homenaxe ao histórico nacionalista se puxran en pé para cantar o himno galego e finalizar a xornada cun longo aplauso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.