Por Galicia Confidencial | Ourense | 26/10/2022 | Actualizada ás 09:00
O encontro feiral tivo lugar entre o 20 e o 23 de outubro, pechando as portas este pasado domingo con resultados satisfactorios para a organización. A folga do metal provocou a cancelación da feira da primeira semana pero puido ser celebrada durante esta pasad con total normalidade. Foi organizado de forma conxunta entre Expourense e A.C.A.U.T.O. coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e contou coa participación de 14 concesionarios que representan a 18 marcas.
Malia as circunstancias que rodearon a organización desta décimo terceira edición, os organizadores dan por moi bos os resultados e indican que esta feira cumpriu as súas expectativas tanto no referente ás vendas de vehículos como de visitas recibidas no recinto feiral dende o pasado xoves día 20 ata esta tarde de domingo. Calcúlase que foron vendidos nestes catro días arredor de 180 coches (un 60% de ocasión e un 40% de vehículos novos de media, aínda que a variable depende bastante segundo o concesionario) e recibíronse máis de 6.000 visitas, sendo as tardes do sábado e do domingo os momentos de maior afluencia de asistentes.
UN SALÓN DO AUTOMÓBIL MOI AGARDADO
A cita destes días reuniu en catro xornadas case a mesma cifra de visitas que na edición anterior (celebrada durante dúas fins de semana) o que dá boa conta das ganas que tiña o público de asistir ao Salón do Automóbil que cada ano ten como escaparate as instalacións de Expourense. A cifra de vendas ascenderá nos vindeiros días, xa que é frecuente que se pechen, durante esta semana e a próxima, operacións comezadas neste salón. A esta cifra hai que engadir tamén os 95 coches vendidos durante a última edición do Car Outlet organizada tamén entre Expourense e ACAUTO e celebrada no pasado mes de maio.
Como incentivo para animar á compra de vehículos, organizouse como é habitual un sorteo dun bono de desconto de 6.000 euros no que participan todos aqueles que mercaron un vehículo ou de ocasión, durante esta 13ª edición do salón. O sorteo realizarase esta semana ante Notario na sede da Confederación Empresarial de Ourense e a entrega do cheque está prevista para o mércores 9 de novembro no concesionario que vendese o coche da papeleta gañadora.
Outro dos atractivos da visita ao Salón do Automóbil foi a Ludoteca Infantil gratuita promovida por Yuka Animación e que atendeu en tres días a máis de 200 rapaces e rapazas de entre 2 e 12 anos, practicamente o 90% dos menores que visitaron o salón.
VINDEIRAS CITAS EN EXPOURENSE
As actividades continúan en Expourense. Do 9 ao 13 de novembro celebrarase a 23ª edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, e entre o 28 de outubro e o 6 de novembro instalarase na explanada do recinto o Circo Tamberlick.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.