Cohousing (I): que son as vivendas colaborativas e por que espertan cada vez máis interese en Galicia?

A Xunta de Galicia vén de regular este fórmula habitacional nunha normativa que persoas expertas consideran "limitante" por non explorar todas as súas posibilidades. Estas son as claves dun modelo que comeza a facerse realidade no Estado e que pode funcionar como antídoto contra a especulación dos prezos da vivenda.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Estabamos en pleno confinamento e comentaba con Viki, traballadora social, todas as carencias que viamos que tiña o modelo actual residencial, e a sorte que sería poder habitar unhas vivendas pensadas doutro xeito totalmente diferente". Esoutro xeito ao que se refire María Pierres, arquitecta de profesión, leva por nome 'cohousing' ou vivenda colaborativa, un modelo co que cada vez máis persoas soñan e que lle dá a volta á lóxica do mercado inmobiliario: aquí non hai un promotor que constrúe edificios nin una persoa que aluga ou merca un piso sen case capacidade de decisión nin coñecer a que será a súa veciñanza.

A equipa de Cohousing Galicia
A equipa de Cohousing Galicia | Fonte: Cohousing Galicia

Na covivenda, un grupo de persoas con intereses afíns únense nunha cooperativa sen ánimo de lucro para impulsar un proxecto de vivendas a medida, cunhas características decididas por elas mesmas. Estos pisos nin se alquilan nin se venden: a cooperativa cede o dereito do seu uso aos seus membros de xeito vitalicio. Trátase dun modelo de propiedade colectiva e autoxestionada que procura ser alternativa á especulación urbanística e que coloca no centro as necesidades vitais das persoas que habitan o inmoble. A diferenza dunha urbanización, neste caso compártense máis zonas, como pode ser a cociña ou o salón, e tamén servizos ou actividades de diversa índole que se desenvolven nos espazos comunitarios. 

O obxectivo: "levar unha forma de vida moito máis enriquecedora, incentivar a relación entre as persoas e promover os coidados colaborativos das crianzas, persoas dependentes...", explica María Pierres. Ela, canda a traballadora social Viki Abadía, o arquitecto Anselmo Villanueva e a activista da cultura colaborativa África Rodríguez montaron o proxecto Cohousing Galicia para asesorar e acompañar diferentes grupos á procura de desenvolver este tipo de proxectos colectivos de vivenda en Galicia. "Hai un interese crecente no modelo; cando comezamos chegáronnos 250 solicitudes de interese, sobre todo de persoas da Coruña, Pontevedra e Vigo; moitas de entre 40 e 45 anos", expón Pierres.

O que falta, prosegue, é información "máis acertada", porque "a idea que hai do cohousing é moi limitada e ás veces errónea". Por iso, este equipo traballa para difundir as claves do modelo, que xa está moi estendido nos Estados Unidos ou nos países nórdicos e que comeza a replicarse en diferentes puntos do Estado español. Ao longo de Galicia existen varios grupos de persoas - proxecto Alvariza Colaborativas en Compostela, Ancoradoiro en Vigo, Cohousing Ártabra e Outra forma de vivenda na Coruña, Larlilás... - que soñan con facer realidade o seu proxecto de vivendas e que loitan contra atrancos lexislativos, de busca de solo e de financiamento. 

COMO FUNCIONA O COHOUSING?

Non existe un modelo único, e de feito haberá tantos como comunidades se creen. "Todo dependerá dos intereses das persoas que o integren e dos estatutos e normas de convivencia que marquen. Poden impulsar, por exemplo, un servizo de fisioterapia á semana, clases de ioga, gardaría para axudar na crianza... Ou simplemente poden xuntarse para facer o proxecto máis viable economicamente e non traballar nese sentido de comunidade", expón Pierres. Igualmente, o cohousing pode desenvolverse na súa versión senior - covivendas de persoas maiores como unha alternativa ás residencias convencionais -; ou interxeracional. O que está claro, di Pierres, é que "no momento en que consolide unha comunidade en Galicia, van xurdir moitísimas e moi rápido".

E é que o cohousing adoita ter en conta a sostibilidade ambiental do edificio e da forma de vida dentro del, e facilita a accesibilidade á vivenda nun contexto especulativo coma o actual. "A propietaria única será a cooperativa, e ti, como parte dela, farás unha achega de diñeiro inicial para a compra do terreo e financiación en banca ética", explica Pierres. "Ao non ter un interese lucrativo, esa vivenda vai ser moito máis competitiva ca un aluguer normal, podemos falar duns 250 ou 300 euros mensuais por un piso de dous ou tres dormitorios, con todos os servizos comúns incluídos". O dereito de uso sobre ela é vitalicio e herdable, mais non pode revenderse nin ser obxecto de especulación.

O que se busca é un prezo xusto e estable das vivendas. "O cohousing é un claro exemplo de proxecto que incluso podería contribuír de forma natural á baixada de prezos nos solares colindantes, porque os promotores van ver que o modelo é moi competitivo", sinala a arquitecta. Ademais, moitas cooperativas dótanse dun mecanismo de solidariedade para evitar que acaben converténdose en propostas de corte elitista. "Hai quen aposta por achegar de forma solidaria, moitas veces coa involucación da administración, o custe dun número determinado de vivendas para poder presentalas como vivendas sociais. Este principio da inclusión social para que a comunidade non se convirta nun gueto do que só poidan participar quen teñan determinados ingresos é interesante". 

A NOVA NORMATIVA DA XUNTA, "LIMITANTE"

A Consellería de Política Social e Xuventude publicou nestes días a primeira normativa galega que regula as condicións do cohousing senior. Nela establécese que o número máximo de persoas residentes debe ser de 150, cunha idade igual ou superior aos 55 anos. Os centros, ademais, deben contar con profesionais vinculados para atender a persoas con dependencia a través dun plan de atención especial. Dende Cohousing Galicia, que fixeron alegacións á normativa, aseguran que  "nace moi limitada", primeiro, porque se restrinxe ás persoas usuarias senior; segundo, porque "resta liberdade de decisión ás comunidades", que deben aceptar un modelo "xa prefabricado"; e terceiro, porque é "puramente asistencialista".

"Nós apostamos por un modelo de convivencia e de envellecemento activo, non pasivo. Cando se introducen conceptos como grande dependencia ou asistencia, falamos doutra cousa", explica María Pierres, que demanda das administracións locais e autonómica unha aposta máis decidida pola vivenda colaborativa, con cesións de superficie para a construción do inmoble, axudas para sacar adiante o gran investimento inicial que implica ou coa compra do dereito de uso de certas vivendas. "Hai outras colaboracións máis silenciosas pero igual de importantes, como permitir que non haxa que construír unha praza de garaxe por cada vivenda. Os investimentos rebaixaríanse entre un 12 e un 17%", engade Pierres. 

Moitos dos proxectos a nivel galego atópanse na actualidade nesa fase de procura de solo, mais baten cuns prezos desorbitados. Neste sentido, o Plan Estatal de Acceso á Vivenda 2022-2025 recolle un punto dedicado ao fomento destas vivendas colaborativas, cuxas persoas impulsoras poden acceder a unha axuda de 50.000 euros por aloxamento, unha contía que rolda o 50% do investimento. "Isto fai o cohousing absolutamente competitivo respecto de calquera outra fórmula habitacional que coñecemos, pero para que o modelo triúnfe cómpre que as administracións divulguen o modelo e faciliten asesoramento durante todo o camiño, se non é fácil que o proceso se enquiste; estamos desentrenados en temas de convivencia".

Dende Cohousing ven este tipo de vivendas un "soño" que no momento en que se fagan realidade, "seran envexadas por todo o mundo". "O que pasa é que estamos loitando contra un xigante enorme que é a especulación da vivenda. Por iso é difícil, pero o futuro a nivel residencial está claro que pasa por aquí", sentenzan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta