A Xunta enviará directamente aos domicilios o test de cribado para a detección precoz do cancro colorrectal

Permitiría detectar ao redor de 50 casos máis de cancro ao ano.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/11/2022 | Actualizada ás 13:40

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade acordou modificar a estratexia do Programa de Detección Precoz de Cancro Colorrectal, tras confirmar por medio dunha pilotaxe, e un estudo comparativo, a posibilidade de incrementar a súa taxa de participación ata en 12.000 participantes. Así, a partir de agora, a administración autonómica enviará directamente aos domicilios o test de cribado para a detección deste tipo de cancro.

Cancro colorrectal
Cancro colorrectal | Fonte: Blausen Medical Communications, Inc. - Wikimedia.

Ata agora, Sanidade enviaba por correo común unha invitación á poboación diana deste programa, convidándoa a participar no mesmo. No caso de que o usuario aceptase participar, enviábaselle ao domicilio un kit para realizar a toma de mostra. Desta maneira levaron a cabo un total de 1.300.000 invitacións válidas desde o inicio do programa, das que entregaron o test algo máis de 423.000.

Posteriormente, tras pór recentemente en marcha unha pilotaxe na área sanitaria da Coruña e Cee, Sanidade detectou que se pode conseguir un incremento de 12.000 participantes ao ano se se procede a enviar directamente os kits de toma de mostra á poboación diana, sen a previa invitación por correo.

Ademais, o estudo comparativo revelou que este incremento de participación permitiría detectar ao redor de 50 casos máis de cancro ao ano.

Con este cambio de estratexia, a Xunta espera que se incremente a participación en roldas iniciais e, en consecuencia, a detección de máis casos. Ao mesmo tempo, agardan que permita reducir os custos derivados dos posibles casos de cancro colorrectal que se detectarían fóra do programa de cribado, é dicir, os sintomáticos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta