O futuro demográfico de Galicia: máis inmigrantes para compensar a baixa taxa de fecundidade

Os territorios con menor taxa de fecundidade proxectada para o que resta de século son Galicia, Cantabria, Castela-León, Estremadura e Asturias. Expertos sinalan a inmigración como solución para compensar a perda de poboación nativa e o despoboamento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/11/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Disque existe unha crise demográfica en España e Galicia, pero os datos contradín esa afirmación. No conxunto do Estado español, a poboación aumentou en 182.141 personas durante a primeira metade do ano 2022 e situouse en 47.615.034 habitantes, unha marca histórica grazas aos inmigrantes. E, a 1 de xullo deste ano, a poboación de Galicia incrementouse até os 2.693.451 habitantes, isto é, 1.995 persoas máis que o 1 de xaneiro deste ano e 2.722 máis que hai un ano. Un crecemento que se debe, iso si, ao saldo migratorio exterior e interior, xa que o vexetativo foi unha vez máis negativo (houbo máis mortes que nacementos).

Muller embarazada
Muller embarazada | Fonte: Europa Press

No planeta, a poboación non deixa de crecer e superou o 15 de noviembre pasado os 8.000 millóns de personas, segundo a estimación oficial de Nacións Unidas. Para facernos unha idea do espectacular crecemento da poboación mundial, no ano 1950 había 2.500 millóns de habitantes e no século XIX eran menos de mil millóns. Porén, en tan só 12 anos, desde 2010 até 2022, o número de habitantes na Terra creceu en mil millóns. Espérase que en 2037 chegue aos 9.000 millóns e no 2080, a 10.400 millóns, según estimacións da ONU.

A inmigración achegou a Galicia 12.728 habitantes nos primeiros seis meses de 2022, compensando o saldo vexetativo negativo

Polo tanto, non é certa a existencia dunha crise demográfica, o que está acontecendo é un desequilibrio entre áreas, no que as zonas con saldo vexetativo negativo se poden ver compensadas pola chegada de inmigrantes de áreas con saldo vexetativo positivo. Este é o caso de Galicia, onde a crise de nacementos está sendo revertida pola chegada de inmigrantes. Así, no primeiro semestre do ano chegaron a Galicia desde o estranxeiro 12.106 persoas máis das que marcharon. Tamén foi positivo o saldo migratorio interior entre distintas comunidades autónomas, xa que a galega recibiu 622 persoas máis das que saíron cara a outras autonomías. En total, a inmigración achegou a Galicia 12.728 habitantes en seis meses, compensando o saldo vexetativo negativo, xa que no mesmo período houbo 10.651 falecementos máis que nacementos.

Agora ben, o que é unha realidade é que existe unha crise de nacementos, ou de fecundidade. E ante este escenario, investigadores do Departamento de Estatística e Econometría da Universidad de Córdoba fixeron proxeccións probabilísticas a nivel autonómico de fecundidade para todo o século XXI.

GALICIA, ENTRE OS TERRITORIOS CON MENOR TAXA DE FECUNDIDADE

Os datos amosan que Galicia, Cantabria, Castela-León e Estremadura serán os territorios con menor taxa total de fecundidade para o que resta de século e, polo tanto, deberán seguir compensando esas perdas coa recepción de máis inmigrantes. Con todo, a taxa natalidade medrará nas próximas décadas, aínque non chegará á ansiada taxa de reposición poboacional de 2,1 fillos por muller e será desigual por territorios.

Os expertos sinalan cidades como Torrelavega, Santander, Xixón, Ferrol, Vigo e A Coruña como as urbes con menor número de fillos por muller no Estado

“Aínda que a tendencia proxectada da taxa total de fecundidade é inequívocamente á alza a longo prazo para todas as rexións españolas, a intensidade e a temporalización non son as mesmas para todas. Hai rexións que, por unha banda, mostraron unha maior precocidade no inicio do descenso da fecundidade no pasado, polo que cabe destacar estas peculiaridades; por outra banda, non se pode falar de uniformidade en canto á contía do incremento, xa que esta non é homoxénea en todo o territorio e, así mesmo, non todas coinciden sempre nos cambios de tendencia”, explican os autores do estudo.

Segundo as proxeccións realizadas por estes expertos, os territorios que terán unha taxa total de fecundidade proxectada próxima ao limiar de reposición, é dicir, 2-2,1 nacementos por muller, serán Cataluña, Andalucía, Canarias e Murcia.

“Como punto de partida están bastante por baixo do limiar, pero estas son as rexións que máis contribúen ao incremento da taxa de fecundidade a nivel estatal e aínda que se prevé que a poboación española crecerá durante o resto do século, tende a estabilizarse ao final”, comentan os investigadores, que sinalan a inmigración como a táboa de salvación: “Para estas rexións mencionadas, a inmigración xoga un papel importante, xa que estes territorios concentran maiores taxas de persoas procedentes doutros países, especialmente Andalucía, Canarias e Murcia están recibindo persoas de países africanos”.

Isto obsérvase en cidades como Almería, Melilla, Ceuta, La Línea de la Concepción, Alxeciras, Sanlúcar de Barrameda (Andalucía); Lorca e Cartaxena (Murcia); Santa Coloma de Gramenet, Rubí, Reus, Sabadell e Terrassa (Cataluña), que son as cidades con maior número de fillos por muller na actualidade, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) recollidos por estes investigadores.

Pola contra, os territorios con menor taxa de fecundidade proxectada para o que resta de século son Cantabria, Castela-León, Estremadura, Asturias e Galicia. De feito, estes expertos sinalan cidades como Torrelavega, Santander, Xixón, Ferrol, Vigo e A Coruña como as urbes con menor número de fillos por muller, segundo os datos do INE.

Entre os factores preocupantes destacan a falta de axudas públicas, a perda de ingresos das mulleres despois da maternidade ou a dificultade de conciliación familiar e laboral 

“Isto está relacionado dalgún xeito con outro importante problema ao que se enfronta España: o despoboamento do rural. Segundo os datos de 2020, as cinco áreas urbanas funcionais españolas con maior poboación (máis dun millón de habitantes) son Madrid (6,30), Barcelona (5,22), Valencia (1,58), Sevilla (1,31) e Málaga (1,01). En conxunto, supoñen 15,42 millóns de habitantes, o 32,56% da poboación española. Isto significa que unha parte importante da poboación rural das zonas con menos opcións de emprego tende a abandonar a súa terra natal, principalmente cara ás cidades que conforman os principais centros económicos nacionais ou para marchar ao estranxeiro”, describen os investigadores.

Así, os datos indican que, a nivel de municipio, “as zonas con menor taxa de fecundidade, próxima a cero, sitúanse en Estremadura, Cantabria e Castela-León, “rexións con menores taxas de emprego, industrialización e poboación”, apuntan estes expertos.

MIGRACIÓN E DESPOBOAMENTO

Estes investigadores identifican “dous efectos que xogan un papel crucial” na evolución da poboación no Estado español: “a migración e o despoboamento”. Pero tamén sinalan “a falta de axudas públicas, a perda de ingresos das mulleres despois da maternidade, a dificultade de conciliar o tempo laboral e o parental (e debido a isto, a falta de corresponsabilidade de moitos homes na maternidade) entre os factores preocupantes do fenómeno”.

“É un problema estrutural, porque os propios factores demográficos non son o suficientemente fortes como para baixar a fecundidade, e é necesario un factor esóxeno, a industrialización, para provocar un cambio profundo nas estruturas sociais, económicas e culturais dun país e forzar o sistema demográfico como un todo para adaptarse para que poida comezar a transición demográfica”, explican.

O índice de fecundidade en Galicia está aumentando: pasou de 1,1 fillos por muller no período 2002-2009, a 1,2 no 2010-2017, e espérase que suba a 1,5 nas próximas décadas, pero é insuficiente

En canto ao fenómeno migratorio, é evidente que está a compensar a caída de nacementos de nativos. Os investigadores consideran que se trata dun factor “relevante no caso español” e aínda que a súa análise se realizou sen diferenciar a nacionalidade, “a cuestión migratoria segue aberta a unha investigación posterior para analizar o patrón de fecundidade entre nacionalidades (españolas e estranxeiras)”, comentan.

ÍNDICE DE FECUNDIDADE EN GALICIA

Galicia é unha das autonomías con menores taxas de fecundidade (proporción de nacementos sobre o número de mulleres en idade fértil). Con todo, o índice pasou de 1,1 fillos por muller no período 2002-2009, a 1,2 no 2010-2017, segundo datos dun estudo realizado por investigadores das universidades de Zaragoza, a italiana de Macerata, a Estatal de Pensilvania (Estados Unidos) e o Instituto Nacional de Estatística de Italia. Estes investigadores observaron grupos de alta fertilidade ao redor de Madrid, ao longo da costa mediterránea, en Cataluña, País Vasco, Illas Baleares, Murcia e Andalucía. Mentres que os grupos de baixa fecundidade concéntranse no norte e noroeste: Castela e León, Galicia, Asturias, Cantabría, A Rioxa e occidente de Aragón.

Esa lixeira tendencia á alza na taxa de fecundidade seguirá en aumento en Galicia nas próximas décadas, segundo as novas proxeccións dos investigadores da Universidad de Córdoba, até chegar ao longo deste século ao redor de 1,5 fillos por muller, lonxe da ansiada taxa de reposición de 2,1 fillos.

MÁIS MAIORES

Os maiores de 65 aumentan cada ano e xa representan unha cuarta da poboación galega (25,7% no ano 2021). Esta cifra é seis puntos superior á media española (19,8%), segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

As persoas maiores de 65 anos representarán un terzo do total da poboación galega (33%) en 2035, ano no que estará no 26,5% en España

Segundo as proxeccións do IGE, os maiores de 65 anos suporán un terzo do total da poboación (33%) en 2035, ano no que estará no 26,5% en España .

O índice de envellecemento, que relaciona a poboación de máis de 65 anos con respecto a cada 100 persoas menores de 20 anos, presenta un valor de 163,6 en Galicia, moi por enriba do valor ao redor de 100 no Estado. A previsión é que se alcance o 262 en terrirorio galego en 2035.

O colectivo de 65 a 69 anos representa o 23,9% dos maiores de 65. Mentres, de 70 a 74 anos son o 22,7%, e os de máis de 85 son o 19,6%.

A esperanza de vida media en Galicia é actualmente de 86,6 anos.

INMIGRACIÓN COMO SOLUCIÓN

Investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Vigo xa advertiron de que o futuro do país pasa por atraer máis inmigrantes novos para evitar que comarcas enteiras do interior de Galicia sexan baleiradas e se convertan en vestixios humanos.

Durante o século XX, a poboación galega medrou moderada pero progresivamente, até a década de 1960, cando se produciu o primeiro “gran cambio demográfico”: en 1960, Galicia tiña 2.730.996 habitantes, 37.545 máis que agora; a partir desa década sucedéronse “episodios de estancamento, redución e leves recuperacións, que se tornaron xa nun descenso en todas as provincias a partir de 2011”, apuntan os autores do estudo, titulado ‘El declive de la poboación en Galicia. ¿hacia el vacío demográfico?’, asinado polos profesores José Antonio Aldrey Vázquez, do Grupo de Investigación de Análise Territorial da Universidade de Santiago de Compostela, e Xosé Constenla Vega, do Departamento de Didácticas Especiais da Universidade de Vigo.

“A única saída parece a chegada de inmigrantes novos, dispostos a ter descendencia en Galicia”, apuntan os expertos

Se se comparan os datos de evolución entre Galicia e o conxunto de España no último século, as diferenzas son notablemente significativas e alarmantes: o territorio galego perdeu practicamente a metade do seu peso poboacional no Estado. En 1900, había 2.073.638 habitantes en Galicia, os cales representaban o 11 % da poboación total de España (18.830.649 habitantes); en 2018, os residentes eran 2.700.970, tan só o 5,78 % do total no Estado (46.698.569). En 118 anos, a poboación galega só medrou en 627.332 persoas, un 30 %, mentres que no conxunto de España se disparou un 248% (oito veces máis que en Galicia).

“Calquera política demográfica que se queira poñer en práctica chocará de fronte co extremado envellecemento, dificilmente reversible, aínda que se puidesen ‘inxectar’ efectivos novos na estrutura por idades. Algo que non parece factible, pois aínda que o saldo migratorio se manteña en valores próximos a cero ou positivos, a saída de persoas mozas está a ser moi importante e dificulta calquera indicio de recuperación”, argumentan os autores do estudo.

Ante este escenario, “a única saída parece a chegada de inmigrantes novos, dispostos a ter descendencia en Galicia”, apuntan.

Con todo, sinalan que para atraer que para atraer máis inmigrantes é necesaria unha oferta laboral atractiva e estable, aspectos ambos que “non se dan nin parece que se vaian dar nun futuro próximo”, advirten os investigadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta