Temas: SIDRA

Se hai turismo enolóxico, por que non da sidra?

Este produto de importancia estratéxica en Asturias pode convertese nun motor económico aínda por explotar nos concellos galegos. A Estrada quere ser o primeiro en vincular turismo e sidra, unha iniciativa pioneira que lle daría unha vantaxe competitiva respecto ao resto de zonas de Galicia onde tamén se produce esta bebida

Por Galicia Confidencial | A Estrada | 06/11/2014 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Para afondar neste proxecto futuro, a comarca acolleu este xoves as II Xornadas de Turismo a través do mundo da sidra, organizadas polo director do mestrado en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde da Universidade de Vigo, José Antonio Fraiz, en colaboración con Jesús Armenteros, xerente da empresa Lagar de Ribela.

Visita a unha explotación de sidra na Estrada
Visita a unha explotación de sidra na Estrada | Fonte: uvigo

Cunha ruta a través das plantacións de mazás, da zona de elaboración do produto con lagares tradicionais e artesanais e da contorna natural, os participantes puideron coñecer de primeira man a realidade local para poder establecer unhas directrices “que marquen o camiño do desenvolvemento da comarca de Tabeirós a través de todo o proceso de produción desta sidra ecolóxica pero cun enfoque turístico, aproveitando os recursos naturais, culturais e rurais para a procura de novas experiencias”, salientou Fraiz.

O que dá primeiro dá dúas veces Unha visita ao cultivos de mazá rabiosa de Callobre, unha breve explicación sobre a industria sidreira e a súa relación co turismo nas instalacións do Lagar de Ribela e unha cata dos produtos típicos da zona, incluídas catro variedades de sidra (Ribela clásico, Ribela Monovarietal de Rabiosa, Sidra do ano e Xoana), servíronlle ao alumnado para descubrir o potencial turístico dun dos elementos claves da comarca e ter claras as directrices a seguir para conseguir que A Estrada siga o exemplo asturiano e se converta en eixo do modelo turístico vinculado ao mundo da sidra en toda Galicia. Nese plan estratéxico o primeiro paso deberá ser “crear marca e fomentar a súa imaxe”, colocándose no mercado como produto innovador. “Ata o momento, en Galicia a iniciativa máis coñecida na que se une o turismo a un elemento autóctono con gran proxección é o turismo enolóxico”, explica Fraiz, quen asegura que hai que aproveitar o baleiro e ser o que poña en marcha o da sidra “coa maior antelación posible, creando unha imaxe propia en poñendo en valor a zona a través deste recurso.

O obxectivo é que en Galicia a zona sexa sinónimo de turismo e sidra, aínda que co paso dos anos outras zonas imiten esta idea de negocio”. Como facelo? As diferentes tempadas de recolección de mazá e produción de sidra poden axudar á desestacionalización do sector turístico da zona, creando un calendario coas épocas máis relevantes deste e doutros produtos da comarca, rutas ou eventos que se poidan realizar. E para fomentar a promoción da sidra como produto autóctono habería que crear unha plataforma online con todo o ofertado, o que facilitaría o acceso a calquera cidadán a información que vai desde rutas ou eventos ata sidrerías ou puntos de interese da comarca. E para iso nada mellor que fomentar a participación das institucións públicas e a cooperación coas privadas. “Habería que colaborar en estratexias de promoción do turismo de sidra, facendo alusión a el en webs oficiais, oficinas de turismo, folletos... E tamén pódese fomentar e apoiar a organización de eventos relacionados coa industria da sidra e a turística”.

Toda a familia traballa na elaboración da sidra Torres de Moreda
Toda a familia traballa na elaboración da sidra Torres de Moreda | Fonte: GC
Temas: SIDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta