Nova guerra localista en Galicia... pode o Nadal de Ourense competir co de Vigo?

Bóveda, árbore de 38 metros de altura, neve artificial e un pequeno mercado VS. deceas de figuras, Noria xigante, árbore de 35,5 metros e cen postos de artesanía no medio dun parque de atraccións navideño

Por Ángela Precedo | OURENSE | 13/12/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Ourense, cidade termal por excelencia e fogar de moitos concellos pertencentes á xoia natural da Ribeira Sacra, non se contenta con iso, senón que este ano tamén quere competir con Vigo para converterse no epicentro galego do Nadal. Medio millón de euros son os que destinou o alcalde ourensán, Gonzalo Pérez Jácome, a iluminar a urbe. 

Bóveda de Nadal en Ourense
Bóveda de Nadal en Ourense | Fonte: GC

Tendo en conta que o rexedor vigués situou a cantidade invertida no seu Nadal en menos de 300 millóns de euros, dende o punto de vista económico a diferenza sería abismal. Mais, Jácome asegura que "posiblemente (a inversión real) non sexa nin de 30 nin de 20 nin de 500, non ten ningún sentido".

Ademais, preguntado polo retorno económico previsto para esta campaña navideña, o ourensán precisou que "non temos datos e dende logo non vamos a facer como o alcalde de Vigo, que fai ciencia ficción cos datos". Así, referiuse ao cheo do que falaba Caballero nos hoteis: "Calquera persoa pode ir a Internet e comprobar que non é verdade; o que non se pode facer é esaxerar".

Con todo, deixemos a un lado as disputas internas entre municipios e rexedores, e pasemos directamente a analizar o que máis nos gusta a todos os galegos e galegas por estas datas: a ambientación navideña da urbe termal. E é que Ourense, tal e como prometeu Jácome, "vai a ser das cidades máis rechamantes de España e de Galicia, seguramente".

Bóveda de Nadal en Ourense
Bóveda de Nadal en Ourense | Fonte: GC

A ÁRBORE MÁIS ALTA ESTÁ EN OURENSE: 38 METROS

Sen dúbida, o punto forte de ambas as dúas cidades galegas é a súa árbore de Nadal. Se en Vigo a súa altura é de 35,5 metros (árbore máis plataforma, duns tres metros, engadida), o de Ourense elévase nada menos que 38 (35 máis tres da gran estrela que o coroa). Así, o de Jácome convírtese na primeira árbore máis alta de Galicia, e na segunda de España.

E como para gustos as cores, nunca mellor dito, as secuencias de iluminación das dúas árbores son moi variadas. Mentres Vigo aposta por colorido 'a tope', con movemento continuo, sucesións de aceso e apagado infinitas, imaxes de bolas de Nadal e outros obxectos navideños proxectados; Ourense aposta pola sobriedade, cunhas cinco secuencias que se repiten, e combinando únicamente luces cálidas e frías.

BÓVEDA IMPERIAL DE CORES QUE PERCORRE TODO UN PASEO

Á parte da árbore, se por algo se caracteriza o Nadal ourensá é pola súa bóveda que percorre todo ao longo a rúa Papa Juan XXIII, onde están a maioría das tendas de tipo franquicia da urbe. Neste caso si se aposta polo colorido, pois toda a gama de cores está plasmada nesta formación marabillosa para a vista, que capta a atención de veciños e turistas, que non poden evitar sacarse foto.

Non menos rechamantes que as bóvedas sucesivas son as lámpadas que colgan delas, que parecen as típicas luces dos grandes palacios da época vitoriana. As luces semellan ser os cristais que forman as patas en forma de araña, dun tamaño considerable. Toda a estrutura, formada por 16 bóvedas, ten un total de 8,5 metros de ancho e 13,2 de alto, sen precisar o longo. 

Un destes pórticos chegou tamén a Vigo, a cargo da mesma empresa que foi contratada para facer os de Ourense: iluminaciones Ximénez. En Vigo atópase na rúa Policarpo Sanz, e forma parte dunha secuencia de figuras, polo que aparece en solitario, sen unha conexión como si teñen entre si as da urbe termal.

MÚSICA E NEVE ARTIFICAL COMO BASES

E se Vigo ten panxoliñas e neve artificial, Ourense non se ía quedar atrás, así que panxoliñas e neve artificial se dixo. Se ben non é comparable a cantidade de altavoces instalados na urbe olívica (aos que lle houbo que baixar o volume polas queixas dos veciños) coa que percorre as rúas de Ourense, paseando polas rúas comerciais si se chega a escoitar o cántico navideño. 

No tocante á neve artificial, ambas as cidades a crean a partir de escuma que un cañón lanza cada certo tempo. O ano pasado en Vigo soía ser cada hora, mais este ano reduciuse bastante a frecuencia, cousa que en Ourense se activa cada pouco na Praza Maior, nunha cúpula de plástico iluminada por centos de luceciñas que fai as delicias dos máis pequenos (e dos non tan pequenos). 

O CÍES MARKET GAÑA POR GOLEADA NO TOCANTE A MERCADO DE ARTESANÍA

Agora ben, no que ten que ver co mercado de Nadal, pragado de produtos de artesanía, nada ten que ver o Cíes Market co ubicado no Parque San Lázaro de Ourense. Máis de cen postos na urbe viguesa superan amplamente os aproximadamente vinte cos que conta a ourensá. 

Ademais, a decoración do Cíes Market, ubicado no parque de atraccións de Nadal que creou Abel Caballero ao redor do entorno, onde está tamén a Noria xigante, é moi superior á do mercadillo de Ourense, onde apenas hai unhas cantas luces. 

E sobre a oferta, mentres en Vigo hai deceas de postos de comida típica e non típica destas datas para elixir, que se suman aos artesáns que diseñan xoiería e xoguetes, en Ourense só hai dous ou tres postos con churros e chourizos, e nin sequera moita artesanía. Cabe dicir que este é o primeiro ano que se celebra un mercado polo estilo na urbe termal, así que... De seguro que mellorará o ano que vén.

O PRATO FORTE DE OURENSE: A CABALGATA EN DROMEDARIO

Por outra banda, unha das principais novidades na cabalgata de Reis do día 5 de xaneiro en Ourense o pasado ano foi que os Magos de Oriente fixeron o seu percorrido pola cidade montados en tres dromedarios, a pesares das protestas de numerosos grupos ecoloxistas e animalistas. 

O goberno de Jácome quedou satisfeito coa función e, como cando as cousas van ben para que cambialas, decidiu repetir este ano. Foi o pasado día 26 de outubro cando o alcalde ourensán firmou o decreto que aprobaba este gasto. 

Este ano adicarase unha inversión superior á do ano pasado. Aos 14.520 euros (IVA engadido) que se pagaron en 2021 haberá que sumar case 4.000 máis: 18.143,95. A empresa encargada tamén será a mesma, Evecan, que se encarga tanto do transporte como do coidado dos dromedarios, así como do equipo preciso para a súa participación na cabalgata.

OS EXTRAS QUE OFERTA VIGO

Finalmente, non hai que esquecer que Vigo oferta toda unha serie de actividades que Ourense non ten. Por exemplo, trens de Nadal, autobuses para observar a iluminación nocturna por todos os recunchos da cidade, o novo barco do Nadal (a cargo da navieira Mar de Ons), deceas de figuriñas que son tan bonitas de día como de noite ou atraccións por doquier.

Bóveda de Nadal en Ourense
Bóveda de Nadal en Ourense | Fonte: GC
Árbore de Nadal de Ourense
Árbore de Nadal de Ourense | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta