Concurso de proxectos para a rehabilitación do convento de Santa Clara de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aproba as bases.

Por E.P. | Pontevedra | 16/12/2022 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno Provincial as bases do concurso de proxectos para a rehabilitación arquitectónica e a ampliación do recinto conventual de Santa Clara para o seu uso como Museo de Pontevedra. Así mesmo, está previsto que no pleno do próximo mércores a corporación provincial aprobe o convenio de cesión polo que o concello de Pontevedra cede o antigo cenobio das clarisas á Deputación para que se encargue da súa rehabilitación e o converta no sétimo edificio do Museo de Pontevedra.

Convento de Santa Clara en Pontevedra
Convento de Santa Clara en Pontevedra | Fonte: Zarateman - Wikimedia.

Este venres compareceron en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, para dar os detalles deste concurso internacional que "vai dar a volta ao mundo".

Carmela Silva asegurou estar "moi orgullosa" do traballo que se está desenvolvendo, do convenio subscrito co concello da capital e, especialmente, da "rapidez" coa que, afirmou, avanza esta proposta. Ademais, destacou que en Galicia "non houbo un proxecto tan ambicioso como este e impúlsao unha entidade local".

O vicepresidente Mosquera indicou que a pretensión é que "os mellores estudos de arquitectura" se presenten a este concurso que ten "un triplo atractivo", explicou, ao actuar nun espazo emblemático, xunto ao prestixio que supón ampliar o Museo de Pontevedra nunha convocatoria que está "correctamente financiada con estándares internacionais".

Neste sentido, César Mosquera detallou as previsións económicas que inclúen 205.700 euros para os estudos de arquitectura que sexan seleccionados e uns honorarios para o gañador do proxecto de rehabilitación e a dirección da obra de 1.742.400 euros. O orzamento estimado da obra é de 21.780.000 euros.

"Buscaremos financiamento debaixo das pedras", apuntou o vicepresidente, en referencia á Xunta, o Estado e á Unión Europea, deixando a porta aberta tamén a patrocinios privados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta