Por E.P. | Lugo | 18/12/2022 | Actualizada ás 19:52
Unha muller resultou ferida despois de saírse da vía o turismo que conducía ao seu paso pola avenida Juan Navia Castrillón, no concello lucense de Viveiro.
Segundo trasladou o 112 Galicia, o accidente ocorreu sobre as 14,00 horas. Foi unha persoa particular quen alertou deste sinistro á central de emerxencias. Ademais, na súa comunicación sinalaba que a ocupante do vehículo accidentado estaba atrapada no interior do habitáculo.
Así, os xestores do 112 alertaron aos Bombeiros de Viveiro, que acudiron ao lugar do accidente e fixeron uso do material de excarceración para romper un dos cristais e poder facilitar a saída da ferida polo maleteiro do turismo.
Ata o punto desprazáronse os axentes da Policía Local e efectivos de Protección Civil da localidade.
Unha vez finalizados os labores de excarceración, a condutora foi evacuada polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao centro hospitalario de referencia.
CAÍDA DUN POSTE SOBRE UN VEHÍCULO
Por outra banda, no concello coruñés de Brión, solicitouse a intervención dos equipos de emerxencia na tarde deste domingo por mor da caída dun poste eléctrico sobre un turismo.
Os feitos sucederon ás 17,15 horas na AC-300, á altura do punto quilométrico 1. Un particular daba aviso ao 112 e informaba de que o condutor do turismo estaba liberado e accesible, aínda que necesitaba asistencia sanitaria.
Así, os xestores de emerxencias pasaron aviso enseguida ao equipo de urxencias médicas. Ademais, co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía e retirar o poste, que dificultaba a circulación doutros vehículos, desde o 112 pasouse aviso aos membros do GES de Brión, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos efectivos de Protección Civil da localidade, ao persoal da Axencia Galega de Infraestruturas e tamén á empresa subministradora de enerxía da zona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.