A Xunta urxe aos concellos a cumprir coa recollida do téxtil: "De non facelo, abriremos expedientes de infraccións"

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, asegura que é a propia lexislación a que obriga aos concellos "a que teñan colectores específicos para a recollida de roupa e para a recollida de aceite de segunda man desde o 1 de xaneiro de 2025".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2025 | Actualizada ás 15:29

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, demandou a concellos dar cumprimento á lexislación en relación á separación de residuos e no relativo ao quinto colector. "De non cumprir, acabaranse abrindo expedientes de infracción e non queremos chegar ata aí", expuxo.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visita a zona de almacenaxe de roupa e reutilización de Pai Rubinos
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visita a zona de almacenaxe de roupa e reutilización de Pai Rubinos | Fonte: MONCHO FUENTES

Fíxoo nunha visita á zona de almacenje de roupa e a tenda 'Reestrear' da Fundación Pai Rubinos, na Coruña, na que explicou que o colector ten que ser "específico" con "alguén detrás que faga a xestión e a separación".

A este respecto, destacou a liña de axudas da Xunta "para apoiar a concellos, pequenas e medianas empresas e organizacións para que amplíen os seus espazos" e teñan lugares para a reparación e a reutilización, destacando, ademais, a súa "boa acollida".

Ademais, insistiu en que os concellos deben ter colectores específicos para a recollida de roupa e para a recollida de aceite de segunda man "desde o 1 de xaneiro de 2025".

"No caso da Coruña, ten o gran privilexio de ter a Pai Rubinos, que fixeron unha ampliación de almacén, e iso dálles a posibilidade de facer unha maior recollida e dar a segunda oportunidade á roupa", incidiu a conselleira.

Por outra banda, remarcou que este xoves acaba o prazo para que as institucións poidan solicitar axudas, aludindo, ademais, ao cofinanciamento dos concellos para instalar en distintas zonas estes novos colectores.

"Temos que concienciar de que todo aquilo que vai a un vertedoiro supón grandes emisións de gases contaminantes e é o que temos que frear, temos que conseguir a vertedura técnica cero", insistiu para apelar tamén á colaboración cos concellos "para que cumpran coa lexislación".

Neste sentido, fontes do departamento autonómico precisaron que no caso da Coruña "non teñen implantado o colector amarelo" e indicaron que, tras "un tempo prudencial dun ano seguen sen cumprir".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta