Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 20:44
O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor os 25 anos de historia da marca de identidade 'Galicia Calidade', á que proximamente se lle engadirá a sección específica 'Galicia Calidade Alimentaria', para englobar todos os produtos alimentarios con excelencia recoñecida.
Así o destacou este martes en Verín o conselleiro durante a súa intervención na entrega de distincións aos novos membros da Cofraría dos Viños de Monterrei. Alí, definiu o viño galego como "unha forma marabillosa de compartir a sabedoría dun pobo a través das cores e os sabores" e que na súa elaboración esixen "contar coa sabedoría da tradición, da experiencia e do bo saber secular".
No marco normativo, o conselleiro remarcou que as bases da política rural da Xunta materialízanse na futura Lei de calidade alimentaria, que promoverá, protexerá e defenderá os produtos de calidade galegos.
Nesta liña, incidiu en que tamén o fai así a Lei de recuperación da terra agraria e lembrou a importancia de seguir vinculando a xestión do territorio ás producións de calidade e adicionalmente á prevención.
Ademais, González incidiu en que a Xunta destinará máis de 4,4 millóns de euros en axudas para apoiar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas nos anos 2023 e 2024.
Con todo, o conselleiro lembrou que o seu departamento investirá preto de 5,5 millóns de euros na promoción como canle para fomentar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos, entre eles os vitivinícolas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.