Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/12/2022 | Actualizada ás 19:28
A Fundación Franz Weber realizou un chamamento á cidadanía para celebrar unha Noitevella "sen xerar danos a colectivos vulnerables e ao conxunto da biodiversidade" para o que reclama "non empregar produtos pirotécnicos como forma de festexar".
Os naturalistas sinalan que o lanzamento de petardos e a organización de espectáculos de fogos artificiais supoñen "unha auténtica tortura para persoas con Trastornos do Espectro Autista (TEA), persoas con hiperacusia, EPOC ou con outros contextos de diversidade funcional".
"Estes riscos non só proveñen polo ruído producido polas detonacións", explica a fundación que engade que a exposición aos fumes metalíferos é "potencialmente negativa para pacientes de EPOC e demais doenzas respiratorias, como podería ser a asma".
Por outra banda, indica que os fogos de artificio "superan facilmente os 110 decibelios e isto xera unha reacción enorme nos animais xa que gran parte das especies que conviven nos nosos fogares teñen aparellos auditivos moito máis sensibles que as persoas, como cans, gatos ou roedores".
"Os animais chegan a sentir shocks, ataques de ansiedade e de epilepsia, e ata fallos cardíacos que derivan en mortes". "Por iso sempre é recomendable afastalos do impacto sonoro en espazos das vivendas afastados das detonacións, baixando persianas e colocando elementos habituais de xogo e alimento", apunta.
"Con todo a fauna silvestre non dispón destes mecanismos humanos, polo que as detonacións poden chegar a causar centos de mortes en só unha noite", advirten nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.