Xinzo, primeiro concello galego en reclamar unha moratoria para os macroélicos

O municipio comprométese a axudar aos colectivos veciñais e ambientalistas para cubrir os custes de eventuais estudos técnicos. O próximo pleno no que se presentará e debaterá a moción será o de Os Blancos.

Por Galicia Confidencial | Xinzo da Limia | 27/12/2022 | Actualizada ás 21:17

Comparte esta noticia

O último pleno de 2022 da corporación municipal de Xinzo de Limia, celebrado este martes, acordou unha declaración institucional para botar o freo na proliferación de macroeólicos na comarca da Limia. O texto proposto pola plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova e polo Club Parapente Baltar saíu aprobado cos votos a favor de todos os grupo de goberno que preside Elvira Lama: PSOE, AXIL, BNG e o concelleiro Manuel Pérez Campos, e coas abstencións do grupo popular e a concelleira non adscrita Montse Lama.

Parque eólico de Greenalia
Parque eólico de Greenalia | Fonte: Greenalia

No texto aprobado, a corporación municipal de Xinzo de Limia," atendendo á falta de evidencia científica sobre as ameazas reais para o medio ambiente e a saúde das persoas e tendo en conta o principio de precaución", acorda solicitar da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado a aplicación inmediata dunha moratoria sobre os proxectos de instalación de centrais eólicas en trámite.

Tamén reclama unha moratoria sobre outros que puideran solicitar a súa tramitación no futuro e que afectan ao territorio da comarca da Limia mentres o Plan Sectorial Eólico de Galicia non se someta a unha avaliación ambiental estratéxica tal e como esixe a lei, ou se aprobe un novo Plan Sectorial Eólico”.

AXUDA AOS COLECTIVOS E VECIÑOS AFECTADOS

Na mesma moción tamén se instaba ao goberno municipal de Xinzo de Limia a encargar estudos técnicos sobre o proxecto da liña de evacuación eléctrica do parque eólico San Martiño LAT 132 kV SET PE San Martiño-SET Larouco (expediente IN408A 2021/043) e o proxecto parque eólico Tramontana (expediente IN408A 2021/030), que afectan ao territorio deste concello. Deste xeito,  o Concello de Xinzo de Limia comprométese a axudar aos colectivos veciñais e ambientalistas para cubrir os custes de eventuais estudos técnicos que permitan confrontar argumentos cos estudos que elaboran especialistas para xustificar os plans das grandes corporacións.

O próximo pleno no que se presentará e debaterá a moción será o de Os Blancos. A sesión, pública, terá lugar na Casa do Concello dos Blancos este xoves e será defendida pola portavoz do PSOE nunha sesión que o alcalde tivo que convocar de urxencia dada a alarma social suscitada polo proxecto de Greenalia denominado Lamas II e que está en exposición pública até o día 4 de xaneiro.

Stop Eólicos Xurés Celanova recolleu xa máis de 500 alegacións contra este proxecto que serán rexistradas esta semana na sede da Xunta de Galicia en Ourense.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Os altos cortesáos madrilenhos tenhem a Galiza como umha colónia, e a nós, os galegos, como coitados e servos. Vai sendo hora, que botemos ao balde da vassoira a todos os partidos políticos madrilenhos: PP-PSOE, e adláteres; a sua única política económica cara nós, é a EMIGRAÇOM.