Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 17:51
Os fortes refachos de vento e as abundantes choivas previstas para este venres e sábado en Santiago de Compostela impedirán a celebración do espectáculo de luz, son e danza co que a Xunta de Galicia previra pechar o Xacobeo 21-22 dentro dos actos de Peche da Porta Santa da Catedral de Santiago e que terían lugar na Praza da Quintana.
Segundo comunicou a Xunta, a situación meteorolóxica prevista "imposibilita a instalación de equipos técnicos e a actuación no exterior" da compañía Nova Galega de Danza, que preparara un espectáculo no que estaba previsto que participase un equipo de ao redor de 100 persoas, entre o corpo de baile, o coro, técnicos e persoal de apoio.
O espectáculo de Nova Galega de Danza convidaba á peregrinación a través do baile, a música, o canto, a luz e as sombras, ata chegar ao destino final no que se atopa a emblemática Praza da Quintana de Santiago de Compostela. Tamén incluía un 'cántico de arrieiro' interpretado por Xurxo Fernández, as músicas de Sergio Moure de Oteyza e o coro de Carmen Rei, así como unha reinterpretación da Negra sombra de Rosalía de Castro.
Neste acontecemento tamén estaba prevista a proxección dun vídeo mapping sobre a fachada da Catedral de Santiago a esta praza, que si se poderá ver a través da emisión da TVG dos actos que terán lugar no interior da basílica compostelá e a través das contas das redes sociais de Turismo de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.