Case cinco anos para aclarar a morte dun holandés en Petín

A Garda Civil detén a dous irmáns polo homicidio de Martin Verfondern, desaparecido en xaneiro de 2010, en Petín.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 30/11/2014 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Garda Civil de Ourense detivo este sábado dous irmáns veciños de Santa Eulalia de Petín, na provincia de Ourense, como presuntos autores do homicidio do cidadán holandés Martin Verfondern.

O holandés asasinado en Petín, Martin Verfondern.
O holandés asasinado en Petín, Martin Verfondern.

Este cidadán deuse por desaparecido o 19 de xaneiro de 2010 no pobo de Santoalla-Petín, onde vivía xunto coa súa esposa, Margo Pool. A última pista do seu paradoiro perdeuse cando subía co seu vehículo a Petín desde O Barco de Valdeorras.

Desde o primeiro momento a investigación centrouse na contorna de Verfondern, en concreto nos seus veciños, debido a enfrontamentos existentes por un monte comunal, pero a Garda Civil non puido probar nada.

Non foi ata a localización dos seus restos óseos, xunto con obxectos persoais o pasado mes de xuño xunto co seu coche calcinado nun monte da Veiga, que a investigación se volveu a activar. Foi a tripulación dun helicóptero da Garda Civil que sobrevoaba a zona forestal das Touzas d Azoreira, no devandito municipio ourensán, quen localizou o vehículo.

Desde o comezo se comentaban na zona os problemas persoais deste home con algúns habitantes da localidade de Petín, a uns 12 quilómetros de onde apareceu o corpo, nunha zona moi pouco frecuentada.

O fiscal que leva o caso e axentes do equipo de Criminalística da Garda Civil reconstruíron esta mesma semana as últimas horas de Martin Verfondern nas inmediacións do pequeno pobo de Santoalla, onde residía coa súa esposa. Margo Pool apuntara no seu momento ás loitas polas terras comunais como posible orixe das desavinzas xurdidas na pequena aldea de Santoalla, onde chegaron fai trece anos en busca "das augas máis limpas do mundo", segundo as palabras dela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta