Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 20:33
O Belén tradicional da Igrexa de San Fiz de Solovio, en Santiago de Compostela, rexistrou a visita de 26.058 persoas ao longo do mes que estivo aberto ao público, concretamente desde o 3 de decembro ata o 5 de xaneiro.
Esta cifra supón un incremento de practicamente 5.000 visitas con respecto aos datos do ano pasado, cando houbo 21.270 persoas que se achegaron a velo. Desde a súa apertura, no 2015, o Belén de San Fiz recibiu a preto de 200.000 persoas.
O nacemento, xa considerado como un clásico do Nadal compostelán, foi mellorando e actualizándose ano a ano, grazas ao traballo do seu propietario, o belenista José Uzal.
Este ano, o Belén estivo composto por case 500 figuras tradicionais de barro e lenzo pintado, feitas a man. Cunha superficie de 30 metros cadrados, conta con pezas en movemento, iluminación, son e efectos especias.
Ademais, San Fiz acolleu este ano, por primeira vez, unha instalación moi especial, froito da colaboración entre a concellaría de Centros Socioculturais e Turismo de Santiago: unha maqueta artística e participativa con debuxos dos centros de David Orihuela e decorada polas persoas usuarias dos 45 centros socioculturais de todo o termo municipal.
Neste ano cabe destacar tamén a celebración do primeiro concerto de corais veciñais na propia Igrexa de San Fiz, o pasado 4 de xaneiro. No concerto, enmarcado na colaboración entre Turismo de Santiago e a concellaría de Centros Socioculturais, participaron as corais veciñais 'Amigos do Castiñeiriño', 'José Saramago de Vite' e 'Santa Susana'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.