Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2023 | Actualizada ás 17:33
O segundo detido polo apuñalamento mortal ocorrido o pasado día 2 en Santiago de Compostela pasou este martes a disposición xudicial e foi enviado a prisión pola maxistrada do xulgado de Instrución número 2 de Santiago, en funcións de garda. Por este mesmo caso xa fora enviado ao cárcere o outro implicado.
Fontes próximas indicaron a Europa Press que o home xa foi trasladado á prisión coruñesa de Teixeiro. Non pasara a disposición xudicial anteriormente, como si sucedeu co outro apresado, xa que se atopaba ingresado no Hospital Clínico Universitario de Santiago para recuperarse das feridas sufridas na liorta.
Os feitos sucederon á primeira hora da mañá do día 2 de xaneiro en Santiago de Compostela, á altura do número 15 da rúa Santiago de Chile, cando se iniciou unha pelexa entre varias persoas.
Segundo puido determinar a investigación, dous mozos encaráronse na vía pública con outros dous e emprenderon unha pelexa a navalladas que se saldou cun ferido moi grave, un home de 31 anos que, finalmente, faleceu o pasado día 5.
PRIMEIRO INGRESO EN PRISIÓN
O primeiro dos agresores detidos pasou a disposición xudicial o pasado mércores e, segundo puido confirmar Europa Press, foi enviado a prisión comunicada e sen fianza. Acúsaselle dun delito de homicidio/asasinato.
O outro detido, pola súa banda, foi posto 'en liberdade' no hospital mentres non cambiaba a súa situación clínica. Tras ser dado de alta este luns, o martes prestou declaración en sede xudicial e foi remitido tamén a prisión.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.