Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/01/2023 | Actualizada ás 19:50
A sección galega da Sociedade de Médicos Xerais e de Familia (SEMG Galicia) denunciou este martes o "abandono total da Atención Primaria" por parte da Consellería de Sanidade, así como o "desprezo continuo" ao que, consideran, se somete a este nivel asistencial.
Así o dixeron nun comunicado para valorar unha recente reunión en relación á xestión da incapacidade temporal (IT), na que, aseguran, foron informados de que a Xunta ía "pór en marcha un plan piloto para formar a Atención Hospitalaria na implantación da nova normativa da xestión da IT".
"Por parte das sociedades científicas mostrouse a nosa gran sorpresa, xa que o Foro de Médicos de Atención Primaria informara de que, a partir do día 9 de xaneiro de 2023, o médico responsable da asistencia ao paciente tería que tramitar a IT e xa non tería que ser sempre o médico de Atención Primaria", apunta SEMG Galicia.
Os responsables do Sergas, afirman, trasladáronlles "que eles non coñecían ningún documento do Foro de AP, xa que non o recibiron" e que só tiñan noticias "pola prensa", algo que SEMG Galicia considera "incrible".
"Ás sociedades que asistimos pareceunos algo inasumible que non coñecesen o documento e que, en todo este tempo, non fixesen nada para a implantación da xestión da incapacidade laboral en atención hospitalaria", sosteñen desde SEMG Galicia, que afean á Xunta tamén que os plans piloto de formación creáronse " sen contar coas sociedades científicas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.