Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2023 | Actualizada ás 11:09
Dous incendios rexistrados o mércores en vivendas dos concellos coruñeses da Pobra do Caramiñal e Vedra causaron varias persoas intoxicadas por inhalación de fume, dúas das cales tiveron que ser evacuadas a un centro hospitalario.
Segundo trasladou o CIAE 112 Galicia na mañá deste xoves, ambos os incendios foron provocados, como evidencian as probas de material incendiario manipulado achadas polos servizos de extinción nos dous escenarios.
O da Pobra, rexistrado no lugar de Mirandela, afectou unha vivenda na que se atopaban dúas persoas, que requiriron atención médica e foron trasladadas ao Hospital do Barbanza.
Os equipos de emerxencia mobilizados observaron a presenza de bombonas manipuladas e de material incendiario que foron a orixe das chamas, que tivo consecuencias por toda a vivenda. O incendio está a ser investigado polas forzas da orde, segundo o 112.
Horas antes, outro incendio tamén supostamente provocado deixou dous afectados por fume en Vedra, onde ardeu "todo" o mobiliario e as paredes dunha habitación dunha casa situada na parroquia de Fraiz.
Con todo, as dúas persoas que se atopaban no interior da casa foron atendidas polos servizos sanitarios desprazados ao lugar e non foi necesaria a súa evacuación a un centro médico.
Do mesmo xeito que no incendio da Pobra, os equipos de bombeiros e emerxencias desprazados localizaron material incendiario manipulado, polo que a Garda Civil iniciou pescudas para esclarecer as causas dun incendio que, segundo o CIAE 112 Galicia, presenta "evidencias claras de intencionalidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.