Por Galicia Confidencial | | 18/01/2023 | Actualizada ás 17:21
A longamentraxe 'Matria', a ópera prima do director Álvaro Gago, participará na Berlinale, un dos festivais de cine máis importantes do mundo, que se celebra en Berlín do 16 ao 26 de febreiro. Alí a película terá a súa estrea mundial o día 17 de febrero, a competición dentro da sección Panorama. A súa estrea comercial nas salas de cinema está prevista para o 24 de marzo.
Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á Mellor Curtametraxe de Ficción en 2019.
SINOPSE
Ramona vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.
María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a fierro mata) interpreta a Ramona. Completan o reparto Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.
Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, 'Matria' está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Avalon encargarase da distribución nacional, con estrea en cinemas o 24 de marzo, e New Europe Film Sales ocúpase das vendas internacionais. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, de Movistar e de The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.
'Matria' formou parte de La Incubadora de ECAM e participou en diferentes laboratorios e programas de desenvolvemento internacionais como C EU Soon del Mia Market (onde obtivo un premio de difusión de Screen International), L'Alternativa Mentoring, Abycine Lanza, Cinemed - From Short to Long, MFI Script Lab 2 Film Workshop, TIFF Academy, Sevilla Co-Production Market, Berlinale Co-Production Market ou D'A Film Lab.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.