Por Galicia Confidencial | Verín | 20/01/2023 | Actualizada ás 09:00
Os interesados e interesadas en inscribirse nos desfiles dos días 19 e 21 de febreiro poderán achegarse ata a Oficina de información turística de Verín para facela efectiva.
Tamén poderán realizar a inscrición por correo electrónico, no enderezo turismo@verin.gal e enviando os seguintes datos: Nome e apelidos representante do grupo, número de teléfono, nome da carroza ou comparsa, número de participantes, se levan vehículo ou plataforma móbil (medidas), e se levan música. Outra opción para anotarse é chamar ao teléfono 988 411614 (Oficina de Turismo) de luns a venres en horario de mañá de 9:30 a 14.30 h. ou polas tardes de 16.30 a 19:00 h.
A orde de colocación do desfile irá en criterio da organización. Aquelas comparsas ou carrozas que non se apunten dentro do prazo de inscrición e aparezan no desfile directamente serán colocadas ao final do mesmo.
INDICACIÓNS E RECOMENDACIÓNS PARA OS DESFILES
Iniciaranse na Avda. de Castela cos horarios seguintes: Saída do desfile do domingo dia 19 de febreiro ás 12:00 horas, e saída do desfile o martes dia 21 de febreiro ás 16:30 horas.
As comparsas ou carrozas que participen no desfile deben estar, como mínimo, 30 minutos antes da saída para que a Organización poda colocalos na súa posición e comezar con puntualidade. O punto de partida será na Avenida de Castela, á altura da rúa San Félix.
Aquelas carrozas que queiran abandonar o percorrido antes de chegar á Praza da Alameda unicamente poderán facelo a través da ponte da N-525, chegando ata a Rotonda da Casa do Escudo, se queren dar a volta, e quedándose unicamente no carril dereito esperando a que o desfile termine para ir ao seu destino. Nesta espera deben deixar un carril libre para os servizos de emerxencia.
O Concello de Verín fai tamén outras recomendacións como non alongar moito as paradas para que a distancia entre os participantes non sexa excesiva, e que as carrozas motorizadas leven o seu propio seguro, non facéndose cargo o concello en caso de sinistro.
O Domingo de piñata --26 de febreiro-- só poderán participar na comida que se realiza este día aqueles participantes que se inscriban previamente para o desfile. Os Tíckets para dita comida recolleranse no restaurante no que se realizará a comida.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.