Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/12/2014 | Actualizada ás 14:37
A Xunta fai todo o que pode, e máis, para que os nenos galegos aprendan e falen galego. Tanto que o problema de perda de falantes non é un problema do Goberno galego, senón das familias e dos “movementos demográficos”. Iso foi o que veu a dicir este xoves o presidente da Xunta ao valorar o informe sobre "Coñecemento e uso do galego. Ano 2013", do Instituto Galego de Estatística (IGE).
Segundo este informe, o 50% dos nenos de entre 5 e 14 anos só falan en castelán, fronte ao 13% que só fala en galego. Un dato que contrasta co 52% de galegos de máis de 65 anos que o teñen como único idioma, fronte ao 13,80% desta franxa de idade que utiliza só o castelán. Ademais, o "pouco ou nada" coñecemento do idioma varía de forma significativa entre o primeiro e último tramo de idades, de maneira que entre os 5 e 14 anos, chega ao 22,70 %,mentres que nos maiores de 65 redúcese ao 8,87%.
“O noso papel é incentivar o uso do galego e penso que desde a Administración galega xa o estamos facendo...Nunca antes tantos rapaces aprenderon galego como agora”, dixo ao defender as políticas lingüísticas do se Executiva. Así, suliñou que este estudo pon de manifesto que hai unha “ruptura” no descenso de monolingües, “un proceso en alza entre o 2003 e o 2008” e tamén insistiu en que hai un equilibrio nas dúas linguas nos estudos preuniversitarios e que hai un “equilibrio” entre o galego e o castelán nos centros escolares.
“A reflexión é que o galego está en proceso de globalización e que, a pesar da apertura ao mundo dos tres millóns de persoas, o noso idioma segue sendo a lingua maioritaria”, suliñou. Con todo, recoñeceu que, o feito de que os nenos xa non falen este idioma, “preocupa” na Xunta. “Nunca antes o aprenderan tanto na escola como ata agora pero, logo, lamentablemente, aínda que o coñezan, non o falan”, dixo. “Por iso é importante seguir falando en galego e ensinándoo nas escolas porque nos abre as porta a 250 millóns de habitantes”, indicou.
Neste sentido, achacou o problema ás familias e aos “movementos democráticos”. “Temos que facer partícipes ás familias de que transmitan este idioma aos seus fillos”, suliñou. Deste xeito, apostou por actuar en tres vías; administrativa, política e social. Así, desde a Administración, dixo, “hai que manter o compromiso de fomentar o uso do idioma” e, desde os partidos políticos, “evitar que este tema sexa partidista ou que só algúns partidos se erixan como defensores do galego”. A nivel social, insistiu, “o importante é convencer á xente da utilidade de ser plurilingües e bilingües nun mundo global”.
Feijóo tamén responsabilizou do menor uso do galego ao cambio demográfico dos últimos anos e do desprazamento da poboación das vilas ás cidades. “Precisamente é nas urbes onde menos galego se fala”, dixo ao suliñar que hai un fenómeno novo que é o dos “movementos demográficos” que tamén afecta ao idioma xa que antes “se falaba nas vilas e nos pobos”, que agora se están despoboando.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.