Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/01/2023 | Actualizada ás 14:18
A próxima semana o equipo de Sputnik Labrego volverá aos montes de Casaio para continuar os traballos de documentación e posta en valor das pinturas prehistóricas de Pala de Cabras. Estas pinturas foron descubertas en febreiro de 2019 e dende o pasado mes de novembro son obxecto dun proxecto específico co obxectivo de valorar o seu estado de conservación así como de contextualizar a súa cronoloxía e contexto histórico.
Os traballos para a semana centraranse na documentación exhaustiva tanto das pinturas en si mesmas como da propia Pala de Cabras. Deste xeito se farán fotografías infravermellas na procura de máis motivos nas paredes da pala. Ata de agora, cerca dunha trintena de pinturas foron documentadas, mais os especialistas están seguros que hai máis. “Con este tipo de fotografías poderemos determinar non só se hai máis pinturas, senón tamén estudar mellor as que xa coñecemos, como os ídolos oculados” -di Celtia Rodríguez, coordinadora en campo dos traballos.
Pola súa parte, a documentación tridimensional da pala será fundamental para a posta en valor do sitio. “Un dos obxectivos a medio prazo é, obviamente, pór a disposición do público este sitio único. Porén, pola súa dificultade para achegarse ata aquí, será moi importante ter este tipo de información para podela ter nas redes. A xente que non poda vir directamente, poderá velo todo a través dunha páxina web” -remata Celtia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.