Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/01/2023 | Actualizada ás 12:05
A CIG-Ensino alerta da posíbel intención da Consellaría de Cultura e Educación de renovar os concertos "aos centros ultra ortodoxos do Opus Dei" tras eludir citar a nortamtiva relativa á non segregación de alumnado por xénero na convocatoria de concertos educativos. Por iso, demandará calquera vulneración da legalidade vixente.
Así, denuncia que o artigo 6 da orde agora publicada no DOG, que recolle os criterios para a subscrición ou renovación do concerto educativo, elúdese a referencia ao fomento da "igualdade efectiva entre homes e mulleres" nos centros educativos e limítase a indicar que "para a renovación dos concertos terase en conta que se sigan cumprindo os requisitos que determinaron a súa aprobación". "Con esta redacción a Xunta dirixida polo PP podería pretender que centros que mantiveron o seu concerto grazas á blindaxe que lles garantiu a LOMCE puidesen seguir agora recibindo fondos públicos malia a nova redacción da LOMLOE", indica.
A CIG-Ensino considera como totalmente intencionada a omisión desta referencia e alerta sobre a posibilidade de que a administración educativa busque condicionar o resultado da concesión dos concertos e advirte aos cargos públicos directamente relacionados coa toma de decisións sobre a renovación ou denegación dos concertos das posíbeis consecuencias xudiciais no caso de tomaren decisións sabendo da súa ilegalidade.
O sindicato, como fixo con anterioridade, anuncia que recorrerá perante os tribunais de xustiza a concesión de concertos aos centros que segregan o seu alumnado por xénero. No caso de Galiza son cinco os centros que se "salvaron" da execución da sentenza gañada pola CIG-Ensino perante o Tribunal Supremo tras a publicación poucos meses despois da LOMCE, todos eles vinculados ao Opus Dei: Peñarredonda, Montespino na Coruña, Acacias e Montecastelo en Vigo e Aloya tamén en Vigo (esta última centrada na FP e cos seus ciclos formativos de grao superior concertados).
As partidas para os concertos educativos en comparación cos últimos anos
CONCERTOS EDUCATIVOS |
ANUAL ORDE 2017 |
ANUAL ORZAMENTOS 2022 |
ANUAL ORDE 2023 |
EDUCACIÓN INFANTIL |
€ 38,5 |
€ 43,8 |
€ 45,1 |
EDUCACIÓN PRIMARIA E ESO |
€ 191,0 |
€ 218,8 |
€ 226,5 |
EDUCACIÓN ESPECIAL |
€ 12,0 |
€ 16,9 |
€ 18,4 |
FORMACIÓN PROFESIONAL |
€ 16,9 |
€ 24,1 |
€ 27,2 |
TOTAL |
€ 258,4 |
€ 303,6 |
€ 317,2 |
DATOS EN MILLÓNS DE EUROS |
DATOS EN MILLÓNS DE EUROS
As partidas destinadas ao mantemento da rede de centros concertados soben unha media do 4,5% ao respecto do exercicio do ano 2022, 360 millóns ata 2029, logo de que as contías subiran nada menos que un 17,5% ao longo dos seis anos anteriores (2017-2022), período de duración dos concertos que se renovan coa orde agora publicada.
Os incrementos teñen unha especial incidencia na FP e na Educación Especial. "Así como neste último caso a carencia da oferta da rede pública, na que non se apostou por aumentala desde hai décadas, está detrás do necesario recurso ao financiamento da oferta privada para manter unha atención á diversidade que non se garante con medios propios da Xunta", critica. Neste sentido, cobra especial relevancia, indica, a negativa da Xunta a permitir unha maior oferta de ciclos medios e superiores de FP nos mesmos ámbitos nos que a empresa privada pode ampliala como desexe, fomentando unha privatización (con ou sen concerto) dunha etapa educativa cunha crecente demanda social e laboral.
Ademais, critica que outra das mostras da defensa pechada que fai o PP galego da LOMCE e da extensión de vantaxes para o réxime de concertos educativos está no mantemento da duración mínima destes fondos para a ESO.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.