Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2023 | Actualizada ás 19:14
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol abriron a convocatoria do XIX Premio José Couso de Liberdade de Prensa. As candidaturas pódense presentar desde este mesmo martes ata o 27 de febreiro ás 14,00 horas.
O galardón, que leva o nome do cámara ferrolán asasinado en Bagdad no ano 2023, ten como obxectivo recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha sobresaliente traxectoria profesional, libre e independente.
Calquera colexiado do CPXG ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta. Igualmente, calquera persoa ou organización vinculada ao xornalismo está facultada para facer chegar a súa candidatura. O envío de candidaturas, con argumentación e currículo, realizarase ao correo electrónico premiocouso@xornalistas.gal ou a través da páxina web do premio.
As propostas definitivas anunciaranse o 2 de marzo. Entre ese día e o día 31 de marzo, o xurado, composto polos colexiados do Colexio de Xornalistas e polos socios do Club de Prensa, poderán votar as candidaturas. O fallo darase a coñecer nunha rolda de prensa.
Este recoñecemento non implica ningunha contía económica e o gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, unha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de 'Ás ceibes'.
Nas 18 edicións anteriores este premio recaeu en Érika Reija (2022), Manuel Rico (2021), Lorenzo Milá (2020), Defende a Galega (2019), Julia Otero (2018), Xosé Hermida (2017), Miguel Anxo Aguilar (2016), Jordi Évole (2015), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Mónica García Prieto (2013), o Consello de Informativos de TVE (2012), Wikileaks (2011), Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010), Rosa María Calaf (2009), Vidal Beneyto (2008), Jon Le Anderson (2007), Le Monde Diplomatique (2006) e Ali Lmrabet (2005).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.