Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2023 | Actualizada ás 16:41
Doce novos xuíces e xuízas incorporaranse aos xulgados de nove localidades galegas procedentes da 71ª promoción da Carreira Xudicial, tras o acto solemne de xuramento ou promesa do cargo, celebrado no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ante o seu presidente, José María Gómez e Díaz-Castroverde.
O presidente do alto tribunal galego indicou que espera que con "o esforzo conxunto de todos" sexa posible "sacar adiante" o atasco derivado da paralización da actividade xudicial como consecuencia da folga de letrados e letradas da Administración de Xustiza. Tamén recoñeceu que non chegan ao seu primeiro destino "nun momento de acougo nin tranquilo".
No entanto, Díaz-Castroverde asegurou que "non procede" xerar unha alarma social "innecesaria" a pesar do "gran impacto" que a folga de letrados está a ter, "que parte de que todo se acumula e súmanse as consecuencias de feitos pasados aos actuais, xerando unha visión catastrofista da Xustiza en Galicia". Así mesmo, lembrou que a función que comezarán a desenvolver esixe "independencia, imparcialidade, integridade, empatía, humildade e ilusión".
LOITA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA
Na súa intervención, tamén incidiu no compromiso dos membros da Sala de Goberno do TSXG coa loita contra a violencia machista. A xuíza Marta Ruiz Rivera e o xuíz Javier Lapeña Azurmendi, primeira e segundo no escalafón dos destinados a Galicia, interviñeron no acto en representación dos seus compañeiros. Ruiz resaltou que é unha profesión "de servizo aos demais", polo que sinalou que, como xuíces e xuízas, deben "escoitar e actuar con prudencia, ser responsables e ter especial sensibilidade cara aos problemas sociais".
Lapeña tamén incidiu no compromiso social que adquiren os membros da carreira xudicial e indicou que deben actuar "con responsabilidade", sen perder a perspectiva de que son "xuíces independentes, imparciais e sometidos unicamente ao imperio da lei".
Ao acto, ademais dos membros da Sala de Goberno do TSXG, o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) Antonio Ballestero Pascual, asistiron representantes de colexios profesionais, autoridades civís e militares e familiares dos novos membros da carreira xudicial.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.