Presentan denuncia penal contra altos cargos da Xunta por non declarar a caducidade da mina de Varilongo

Ecoloxistas en Acción din que hai indicios dun ou varios delitos de prevaricación. Esixe á Xunta que obrigue á mineira australiana a constituír un aval de como mínimo 5 millóns de euros para facer frente á restauración.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/03/2023 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

A Federación galega de Ecoloxistas en Acción ven de interpor nos xulgados de Santiago denuncia penal contra varios altos cargos da Consellería de Economía, Empresa e Innovación por non proceder a declarar a caducidade das concesións da mina de Varilongo, en Santa Comba.

Mina de Varilongo
Mina de Varilongo | Fonte: INCIS

A mina de estaño e volframio, propiedade da mesma empresa australiana que pretende reabrir as minas de San Finx, abandonouse en 1986, fai máis de 30 anos. A pesar da tentativa de converter a explotación subterránea nunha gran mina a ceo aberto, os funcionarios da Xunta informaron que debía procederse a declarar a caducidade das concesións.

E é que, como lembran desde a organización ecoloxista nun comunicado, o propio Tribunal Supremo estableceu que a declaración de caducidade dunha concesión mineira é un acto que non é discrecional e debe adoptarse obrigatoriamente, baixo pena de responsabilidade, se se dan os presupostos previstos pola lei.

O feito de que os altos cargos denunciados, denunciando os informes previos, non teñan declarado a caducidade podería ser, para Ecoloxistas en Acción, indiciario dun ou varios delitos de prevaricación. "Non é o único favor que a Xunta lle fixo á mineira australiana en Santa Comba, pois deixou caducar un procedemento sancionador por vertidos de metais pesados que implicou a contaminación de ríos próximos, presentando estes valores de cadmio centos de veces superiores aos máximos permitidos", critica a entidade.

A propia Xunta aprobara en 2011 un plan de explotación para a mina de Varilongo, que non foi sometido a avaliación de impacto ambiental, a pesar de que tres informes dos funcionarios enxeñeiros de minas indicaban que isto era necesario. Tampouco se someteu a participación pública o plan de restauración, cun irrisorio orzamento de 53.000 euros, cando o custo real de restauración será de varios millóns. Precisamente por estes motivos, Ecoloxistas en Acción pedirá tamén ante a ONU o próximo 22 de marzo que se dictamine que foi vulnerada a Convención de Aarhus tanto neste proxecto como no de San Finx.

Por iso, desde a organización ecoloxistas demandan á Xunta que se obrigue á empresa australiana a constituír un aval de como mínimo 5 millóns de euros para garantir a restauración, peche e clausura da mina en condicións de seguridade, e advirten que en caso contrario demandarán que os altos cargos responsables que agora ven de denunciar respondan co seu propio patrimonio persoal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta