Por Galicia Confidencial | Moraña | 07/03/2023 | Actualizada ás 19:48
Veciños de Amil, no concello de Moraña, abarrotaron o salón de plenos para asistir ao pleno extraordinario que eles mesmos solicitaron para abordar a situación dos tres polígonos eólicos que amenazan con rodear esta parroquia e que afectan tamén aos veciños concellos de Barro, Pontevedra e Campo Lameiro.
Tras a intervención dos propios veciños e dos grupos municipais, o pleno decidiu aprobar unha moción co apoio de todos os partidos no que se amosa o rexeitamento deste concello a este novo polígono eólico, concretamente dos parques eólicos de Anduriña e Acibal.
Ademais, o pleno instou ao alcalde para que emita unha providencia á arquitecta do concello para que faga un informe a cerca do Parque eólico Zudreiro e que se conteste a petición da Consellería en prazo.
Na resolución todos os grupos amosaron o apoio á veciñanza nas accións que os afectados
e as afectadas poidan emprender de cara a evitar que a instalación de dito polígono
se leve a cabo. "Alcalde, Concelleiros e Concelleiras, actuais e futuros, pedímosvos que defendades sen complexos os intereses da veciñanza a quen representades, por enriba dos intereses de proxectos empresariais que só veñen a aproveitarse dos nosos montes, proxectos que cambiarán para sempre a nosa calidade de vida e afondarán sen dúbida no despoboamento do concello", recollía o escrito que remataba cun "pan para hoxe e fame para mañán. Moraña non pode ser terra de sacrificio. Amil sen eólico".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.