Nesta web utilizamos cookies propias e de terceiros para prestar os nosos servizos, contabilizar as visitas, mostrarlle publicidade relacionada coas súas preferencias e integrarnos con varias redes sociais. Se continúa navegando, consideramos que acepta o seu uso. Pode consultar a nosa información detallada.
Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/03/2023 | Actualizada ás 14:10
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advertiu de que Santiago "está a perder oportunidades" con fondos europeos aos que podería acceder pero que o goberno municipal, segundo lamenta, non pide. Fronte a isto, a formación nacionalista expón a creacíon dunha oficina de captación.
Miranda reuniuse este venres coa candidata do Bloque á alcaldía da capital galega, Goretti Sanmartín e, nunha comparecencia posterior, ambas propuxeron a creación dunha oficina municipal de captación de fondos europeos, coa vista posta nas eleccións locais do próximo 28 de maio.
O obxectivo, segundo subliñaron, é non perder oportunidades e ofrecer subvencións a persoas a nivel particular, colectivos, empresas e organizacións sen ánimo de lucro que queiran acollerse ás distintas vías de axudas.
Nesta liña, destacaron que recibir estes "importantes fondos" permitiría levar a cabo actuacións como a rexeneración de espazos urbanos, cuestións relacionadas coa denominada transición xusta e a renovación do saneamento das tubaxes da cidade.
Tamén entre as liñas de traballo atópanse a potenciación de emprego feminino, a diminución da brecha salarial, a aposta pola creatividade de artistas da cidade e a recuperación e restauración do patrimonio cultural.
Así mesmo, Miranda recalcou que Compostela "debería estar en primeira liña en Europa" en canto a patrimonio, con todo, segundo avisou, "está fóra de todas as redes de transición xusta, sustentabilidade e igualdade", polo que, ao seu xuízo, necesita un equipo técnico especializado en fondos europeos para situala internacionalmente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.