Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2023 | Actualizada ás 17:20
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, destacou o "enorme impacto" que está a ter o Plan de Recuperación do Goberno para a transformación verde e dixital na comarca do Ortegal e, en concreto, no municipio de Cariño, cun investimento de máis de dous millóns de euros neste municipio. Estes fondos están destinados á mellora de servizos públicos e a transición verde e dixital, á vez que servirán para aproveitar o gran potencial deste territorio para o turismo sustentable.
Nunha visita realizada no mediodía deste mércores ao Concello de Cariño, onde se reuniu co seu alcalde, José Miguel Alonso Pumar (PSOE), Miñones supervisou os investimentos do Goberno e trasladou as oportunidades das novas convocatorias do Plan de Recuperación para o municipio e a súa veciñanza.
Na súa intervención, José Miñones detallou que un dos obxectivos destes fondos son "protexer os dereitos dos veciños e ampliar os servizos públicos e a calidade de vida", xa que desde o seu punto de vista "vivir no Ortegal é un privilexio".
XEOPARQUE
Por outra banda, Miñones detallou o apoio do Goberno de España "á candidatura do Cabo Ortegal para alcanzar o recoñecemento da Unesco como Xeoparque", unha iniciativa que está a ser impulsada por sete municipios, como son Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño.
Así, Miñones destacou que están "a sentar as bases do turismo do futuro, un turismo máis verde, máis sustentable e aberto ao mundo a través das tecnoloxías dixitais" e que "vai situar ao Ortegal como un destino de referencia dentro deste novo modelo".
Por último, o delegado do Goberno lembrou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico "xa financiou con preto de 650.000 euros a renovación de toda a iluminación pública do municipio", ademais de permitir a uns 1.300 fogares e empresas de dispor dunha conexión a Internet de alta velocidade grazas ao Plan UNICO-Banda Ancha.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.