Por Galicia Confidencial | Santiago | 16/03/2023 | Actualizada ás 16:18
Os e as traballadoras da CRTVG manifestáronse este xoves diante do edificio administrativo de San Caetano, para denunciar que “os medios públicos de todas as galegas e galegos están a ser obxecto dun auténtico secuestro por parte do goberno do Partido Popular”. Nun comunicado destacan a manifesta manipulación dos contidos informativos e a perda de calidade do resto da programación.
A falta de atención á CRTVG maniféstase na ausencia de seguemento á infancia e a mocidade, a imaxe que reproduce das mulleres, punto no que citan os “escandalosos episodios de violencia machista nos que se veu envolvida a CRTVG nos últimos tempos”.
Ademais, a ausencia da perspectiva que ofrece da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social. Denuncian a nula participación e control social da xestión e da programación da CRTVG, e tamén “falamos da represión á que a dirección da Corporación está a someter ao seu persoal, con reiteradas condutas de vulneración dos seus dereitos fundamentais”.
Estiman que os medios públicos galegos actualmente ofrecen o contrario dos valores que deben inspirar a actividade audiovisual da CRTVG. Entre ditos valores están a defensa da independencia e a veracidade da información; o pluralismo político, social e cultural; a participación democrática; a cohesión social e territorial; a promoción dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas, e a defensa da identidade de Galicia.
Nun comunicado instan aos poderes públicos do país ao cumprimento da normativa do sector audiovisual galego, nomeadamente:
-O establecemento dun mandato marco que fixe os obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG.
-A aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos,
-A creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG, e do Consello Asesor, como órgano de participación plural da sociedade galega na programación.
-A designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento galego e por un procedemento que garanta a súa independencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.