Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2023 | Actualizada ás 20:01
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) resolveu que "non se axusta a dereito" a suspensión dos contratos laborais aos traballadores substitutos de escolas infantís públicas autonómicas cando pechan por períodos vacacionais.
Nun fallo emitido o pasado 23 de xaneiro, pero que xa se volveu firme, o alto tribunal galego estimou "no esencial" unha demanda de conflito colectivo interposta polo sindicato CIG contra o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Este proceso iniciouse en maio do ano pasado, por unha demanda da central nacionalista para declarar nula unha cláusula incluída nos contratos de interinidade por parte da Xunta, que dicía que "en calquera caso" o vínculo co traballador quedaría "suspendido" durante o "período de peche da escola infantil".
Trátase dunha medida que, segundo explica a sentenza, recollida por Europa Press, incluíase en todos os contratos de interinidade por substitución desde xuño de 2017, por decisión da xerencia do Consorcio de Igualdade e Benestar.
Durante o proceso, a Xunta alegou que non había tal nulidade nin discriminación entre fixos e interinos "porque son situacións diferentes a do substituto e a do substituído" e porque "o contratado foino de común acordo". Ademais, argumentaba o Consorcio que "nalgúns supostos" non se producía tal suspensión do contrato.
Con todo, os maxistrados cuestionan "a legalidade" de incluír esta cláusula "de maneira masiva e individual" en todos os contratos, "que non cabe amparar en liberdade de pacto ao afectar a dereito necesario, adhesiva e non consensuada polos traballadores".
INFORME DE INSPECCIÓN
Ademais, o TSXG fai seus os argumentos dun escrito da Inspección de Traballo e Seguridade Social (INSS) tras avaliar o caso dunha traballadora dunha escola infantil autonómica ao que se lle denegou a prestación por desemprego porque non se lle computou a súa suspensión do contrato durante o mess de agosto.
O INSS, igual que o establece diversa normativa, concluíu que o modelo de contrato de interinidade "impide a terminación do contrato sempre que non se produza a reincorporación do traballador substituído".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.