Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/03/2023 | Actualizada ás 16:01
A Xunta está a tramitar un expediente sancionador a Lidl en relación coas horas extra de sete traballadores do almacén loxístico situado no polígono Río do Pozo de Narón. Deuno a coñecer a conselleira de Promoción do Emprego, María Jesús Lorenzana, no pleno do Parlamento, ás preguntas do deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo.
O nacionalista preguntou polo conflito existente neste almacén, cun xuízo que tiña que celebrarse este martes pero aprazouse, en relación a unha demanda por vulneración de dereitos fundamentais.
Neste centro desenvólvese unha folga desde fai case seis semanas, lembrou o portavoz, ,"sen que a empresa acepte negociar". "Pensamos que a súa consellería tería que intervir", subliñou.
Pola súa banda, Lorenzana indicou que o departamento "tentou facer unha mediación coa empresa e o traballadores" pero "terminou sen acordo entre as partes". Agora, dixo, "o procedemento está xudicializado", porque a CIG "presentou unha demanda e tamén a propia empresa, considerando a folga ilegal".
Por iso afirmou a conselleira, que dixo non ser "partidaria da sede xudicial se se pode" chegar a acordos, que "o Goberno non ten ningunha ferramenta" neste contexto. En todo caso, constatou que "a CIG considerou que era idóneo en lugar dunha mediación acudir á vía xudicial". "Non hai máis nada que facer ata que os xulgados resolvan", resolveu. De feito, engadiu que "nos comités de empresa en que está a CIG habitualmente acábase en procesos xudiciais, mentres outros sindicatos tentan negociar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.