Por Galicia Confidencial | Galicia | 24/03/2023 | Actualizada ás 21:00
A defensora dos dereitos humanos afgá Massouda Kohistani denunciou hoxe, no Almorzo On/Off organizado en Santiago polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Amnistía Internacional Galicia, a situación das mulleres no seu país, que "o perderon todo" tras a chegada ao poder dos talibáns. A activista reclamou apoio internacional á disidencia interna para "loitar contra os terroristas".
Kohistani explicou que os talibáns prohibiron a educación das nenas, regularon canto pode camiñar unha muller sen a compañía dun home e mesmo prohibiron calquera traballo feminino remunerado dentro das casas. "Como as mulleres non teñen permitida ningunha actividade económica, a vida é moi difícil para elas", e están "obrigadas a obedecer a quen trae o diñeiro a casa".
Isto provocou que moitas mulleres teñan problemas mentais e un aumento da taxa de violencia de xénero e tamén da taxa de suicidios, mesmo no caso dos homes. Kohistani dixo que o goberno talibán ten unha ideoloxía moi concreta, que vai "contra as mulleres, contra os dereitos humanos e contra o desenvolvemento".
"Non hai diferencia entre o Exército Islámico e os talibáns", asegurou, "simplemente uns teñen unha bandeira branca e os outros negra, mais ambos os dous pensan que non é necesario que as mulleres tiñan presenza pública. E sen as mulleres, como pode desenvolverse unha sociedade?".
Así, salientou que "non é fácil, pero hai mulleres que están elevando a voz" ou saíndo á rúa sen o burca: "Estamos fartas de estar caladas, temos que facer algo". Tamén lembrou que existen militares que están a loitar "contra os terroristas" e salientou o caso de máis de corenta activistas refuxiadas en Pakistán que foron arrestadas "e isto non sae nas noticias".
ALMORZOS ON/OFF
Os 'Almorzos On/Off' lévanse realizando dende febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.