Por E.P. | Santiago de Compostela | 28/03/2023 | Actualizada ás 13:28
O 'Composfest' celebrará a súa primeira edición, como broche final ao 60 aniversario da SD Compostela, o venres 19 de maio na Praza da Quintana, enmarcado no programa das Festas da Ascensión, cunha cita musical que reunirá a catro artistas procedentes ou cunha forte vinculación coa cidade.
O festival, cuxa presentación tivo lugar este martes no Pazo de Raxoi, será gratuíto ata completar o aforo e o seu cartel está composto por Carlangas, Ruxe Ruxe, Nastasia Zürcher e Mocho Lago e os Apóstolos.
Deste xeito, o director de mercadotecnia da SD Compostela, Miguel Fernández, explicou que a marca 'Composfest' "creouse para celebrar o aniversario cos afeccionados", pero "co obxectivo de terminar cun gran festival" que "reforzase a aposta polo talento local".
Nesta liña, destacou que facer o evento na Praza da Quintana, que conta cun aforo aproximado de 3.500 persoas, "é un motivo de felicidade", xa que "alí é onde se celebrou o ascenso do equipo no ano 1994".
Pola súa banda, o concelleiro de Festas, Sindo Guinarte, apuntou que é "probable" que a próxima semana se de a coñecer o cartel completo das festas da Ascensión, das que "o 90% xa está pechado".
PROGRAMACIÓN DO 'COMPOSFEST'
A encargada de detallar o cartel foi Mónica Mejías da empresa Correveydile, quen indicou que a través do 'Composfest' "todo tipo de persoas vanse a poder achegar a gozar da música en Qunitana, un punto chave da cidade".
O cartel do festival esta encabezado polo compostelán Carlangas, líder da extinta banda Novidades Carminha, que presentará o seu disco debut en solitario. Así, tamén soará a música de Ruxe Ruxe que tras 26 anos nos escenarios, estreou este mes o seu novo proxecto.
Así mesmo, a homenaxe ao equipo de fútbol contará con Nastasia Zürcher, galardoada nos últimos premios Martín Códax da Música, e con Moncho Lago e os Apóstolos, que se subirán unha vez mais aos escenarios para rememorar o disco que nos anos oitenta sacaron en honra ao Club SD Compostela, en formato casete.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.