Buscan aos tres ocupantes do vehículo que atropelou a un home na Pobra do Caramiñal

O vehículo deu varias voltas de campá e acabou nun río.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2023 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A Garda Civil busca aos ocupantes dun vehículo que na tarde deste domingo saíu da vía, atropelou a un home e precipitouse desde unha ponte ao río na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal.

Segundo confirmaron fontes da investigación a Europa Press, no vehículo viaxaban tres persoas. Polo momento, coñécese de quen é o turismo, pero non se sabe quen o conducía e quen viaxaban nel cando se produciu o sinistro.

Os feitos sucederon sobre as 17,45 horas na ponte de San Antonio, na estrada DP-6703, á altura da praia dos Areos. Varios particulares puxéronse en contacto co 112 Galicia para informar do sucedido.

Segundo a información facilitada, o vehículo, tras dar varias voltas de campá atropelou a un home, deixándoo ferido, danou o valado da ponte e finalizou no río. Ao parecer, os ocupantes do vehículo conseguiron saír polos seus propios medios do interior e abandonaron o lugar, sen que chegasen a ser identificados.

Ata o punto acudiu persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que trasladou ao ferido ao Hospital do Barbanza, os Bombeiros de Ribeira, axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local, así como efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade.

Control de tráfico da Garda Civil
Control de tráfico da Garda Civil | Fonte: GARDA CIVIL PONTEVEDRA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta