BNG pide no Congreso "solucións inmediatas" para tramitar as reducións de cota a mulleres autónomas tras a lactación

"Esiximos solucións inmediatas; algúns casos levan esperando por unha solución máis de dous anos e o Goberno aínda pretende esperar ata verán para solucionalo" reclamou Néstor Rego.

Por E.P. | MADRID | 05/04/2023 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denunciou, despois de coñecer os atrasos do Goberno para aplicar a bonificación do 100% na cota de autónomas para as mulleres en situación de risco durante a lactación, "a pasividade" do Executivo para aplicar estas medidas.

Segundo a formación nacionalista, o Goberno, a través dunha resposta a unha iniciativa do BNG, argumenta que existen problemas informáticos e que esta situación mellorará a partir de xullo. A pesar diso, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixe axilidade e actuacións inmediatas para solucionar este problema.

"Esiximos solucións inmediatas; algúns casos levan esperando por unha solución máis de dous anos e o Goberno aínda pretende esperar ata verán para solucionalo" reclamou o deputado do BNG no Congreso.

Para Rego, esta é unha medida importante "que contribúe á conciliación da vida laboral e familiar". "Se o problema está no sistema informático, podería resolverse facilmente mediante a modificación do programa informático incluíndo novos epígrafes", expuxo.

Na súa opinión, "non é xusto que non se dea unha solución áxil e inmediata ás mulleres afectadas e que teñan que seguir esperando, mentres nas oficinas da Tesouraría Xeral da Seguridade Social non resolven o problema e vanse pasando esta cuestión entre a delegación da Coruña e a central de Madrid", aseverou o deputado do BNG no Congreso.

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego durante unha rolda de prensa
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego durante unha rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta