Por Moncho Mariño | Santiago | 08/04/2023 | Actualizada ás 22:07
A cadeira de relixión nos centros públicos sempre foi considerada unha “maría”, unha materia sen valor curricular abondo para tela en conta no momento de crear notas medias do alumno. A pesar disto, as voces que piden a retirada desta cadeira do currículo escolar público fano alegando desde a laicidade do Estado recoñecida na Constitución de 1978, a liberdade relixiosa tamén recoñecida no mesmo documento ou que a formación relixiosa se imparta nos lugares de reunión que as diferentes fes teñen nas cidades, concellos ou vilas (igrexas, mesquidas, templos, etc.). Por outra banda, e mesmo dentro do profesorado no ensino público, hai quen defende a presenza da relixión como “un coñecemento máis” impartido por profesionais avalidados, ademais, tamén se recorre ao ensino doutras materias relixiosas como o islam, a fe evanxélica e a xudea, como unha mostra de apertura á “interculturalidade” social. Mais debe permanecer a relixión dentro do modelo público?
QUE APRENDEMOS COAS MATERIAS RELIXIOSAS?
A sociedade actual experimentou unha serie de cambios acelerados durante os últimos vinte anos. Isto, segundo profesores e xente non vinculada ao ensino mais si a movementos sociais, mudou de arriba a abaixo os modelos relacionais e de valores entre a xente nova. Exemplos disto serían o incremento do acoso escolar, do ciberacoso, dos comportamentos dentro da familia e desafección ou desilusión entre a xente nova que leva a comportamentos lesivos física e psicoloxicamente. “A relixión axuda fóra da aula a potenciar valores entre as persoas, entre a familia” sinala Julio Díaz presidente de ANPE Galicia.
“Deben fomentarse as cadeiras que aprendan convivencia e profunden en valores que hoxe en día mozos e mozas parecen ter perdido” apunta Díaz. Por outra parte, dentro do profesorado de centros públicos, Relixión é unha materia máis de coñecemento que facilitaría o entendemento e comprensión dalgunhas materias como a arte relixiosa. Isto último xustifica a “interdisciplinariedade” que parte do profesorado observa impartindo materia relixiosa.
Alén disto, materias como Ética e Filosofía non poden transmitir valores semellantes de cara a convivencia entre as persoas que lle atribúen á Relixión? “A Ética quere estudar os principios dunha moral, esa moral pode ser relixiosa e contén uns principios a seguir” di Xoán Moreda, profesor retirado de Filosofía. “Ética busca que o alumnado cuestione no bo sentido, eses principios morais”. Outorgaríaselle á Ética unha formación para educar en valores sociais que eviten por exemplo, a violencia machista entre o alumnado, pois os e as educadoras non paran de avisar que o “porno” está sendo o “educador sexual” dos máis novos. Pola súa parte, a Filosofía permite integrar todos os elementos que nos unen, ademais de ser unha cadeira interdisciplinaria de cara á formación tanto humanista como científica.
DEBERA SAÍR A RELIXIÓN DAS AULAS PÚBLICAS?
Hai unha conclusión común dentro do profesorado, Relixión, polo menos a cristiana católica, non sairá das aulas mentres os Concordatos co Vaticano de 1979 permanezan vixentes. Houbo intentos de retirala recorrendo á vía xudicial, mais as instancias xudiciais declararon que sería inconstitucional retirar esta materia do currículo escolar. “É unha cadeira máis e falamos de impartir a materia relixiosa desde unha perspectiva social e histórica sobre aquilo que é o feito relixioso” indica Julio Díaz.
Existe a “alternativa” de Ética, vista como unha “cadeira espello” impartida normalmente por profesores de Filosofía. Sobre quen imparte a materia de Relixión, no caso católico até hai pouco eran moitos e moitas as relixiosas que o facían. “Gustaríanos que quen imparta relixión tivese estudos de Teoloxía, mais a maioría dos docentes que ensinan esta materia son xente que veñen de listas de substitución e ao mellor con dúas ou tres carreiras” apunta Díaz.
Porén, cando se buscou unha resposta firme á pregunta “debera saír a relixión das aulas públicas?”, a resposta máis firme procede de asociacións tanto de non crentes como laicas. Desde a maioría do profesorado existe un “consenso” en ver a Relixión formando parte do coñecemento xeral que se busca impartir nos centros de ensino.
“O ensino da relixión non debera nin existir na privada” di Albert Riba da Unión de Ateos e Librepensadores. “A formación relixiosa pode impartirse na parroquia, na igrexa, no templo, na mesquida, na sinagoga, alí onde acoden as persoas crentes, debera quedar dentro do que é o círculo persoal”.
Desde Europa Laica deféndese a figura dunha “escola neutra cunha educación baseada na razón, na ciencia e no humanismo” apunta o presidente da asociación, Juanjo Picó. “Pensemos se agora todas as relixións que hai no Estado quixesen formar parte do currículo escolar, como se organizaría?”. Pola contra, dentro deses currículos non hai materias sobre marxismo, socialismo ou ateísmo.
Hai unha visión dentro de parte do profesorado do ensino público que considera Relixión como unha materia interdisciplinar e capaz de impartir valores que a sociedade estaría perdendo. Outra visión é a de ofrecer unha ferramenta, Ética, como elemento que permita ao alumnado ser crítico e cuestionar os “por ques” tanto da mesma ética como da moral. Para sectores sociais que reclaman unha separación total entre as confensións relixiosas e o Estado, o currículo educativo non debera presentar materias baseadas en crenzas teístas. Finalmente, no caso galego e español, os Concordatos de 1979 garanten aulas de relixión cristiana católica até unha hipotética ruptura destes acordos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.