Por Galicia Confidencial | A Coruña | 13/02/2015 | Actualizada ás 12:20
As arandeiras collen forza en Galicia, xa non como un complemento das actividades agrarias, senón como elemento empresarial. Así o fixo, cando menos, a empresa Horticina, situada no concello coruñés de Cerdido, que acaba de poñer en marcha a primeira produción a gran escala de arandeiras en Galicia.
Cunha superficie neta de cultivo de 72 hectáreas e 282.527 arbustos plantados, trátase da primeira gran produción deste froito en Galicia e é a única de semellante envergadura no norte de España, destaca a Xunta. Nos próximos cinco anos está prevista a recollida de mil toneladas de arandeiras e a empresa aspira a abrir proximamente unha nova en colaboración con Hortifrut.
Estas instalacións contaron cunha axuda da Consellería de Medio Rural de 250.000 euros e xeran un importante impacto social, coa creación de 20 postos de traballo fixos e 750 temporais. Por iso, tanto a conselleira de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, como o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, o o líder do PSdeG, José Ramón Besteiro, xa visitaron as instalacións desta empresa..
Horticina fundouse no ano 2001 para producir flor de camelia, principalmente en maceta, para o mercado almacenista. Pero en 2009, o furacán Klaus devastó a leira ao descargar auga salgada sobre as macetas ao aire libre, polo que destruíu máis de 260.000 plantas. Tras esta fatalidade, a empresa decidiu apostar polo cultivo de arandeiras, que espera producir a gran escala.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.