Denuncian o "empeoramento" da rede de ensinos para adultos

A nova lei de ensinos de adultos "deixa sen efecto" a rede de centros, con máis de 300 profesores, segundo a CIG. A Xunta di que "unicamente hai un cambio de nomenclatura".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 17/04/2023 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

A nova lei galega de ensinos de adultos "deixa sen efecto" a rede de centros, con máis de 300 profesores impartindo materias, segundo denuncia a CIG. A central nacionalista advirte de que se esta norma, que "non pasou ningún filtro", segue "para diante" e "deixa sen efecto" a rede de centro, suporá "un antes e un despois" para este tipo de ensinos, e repercutirá nun "empeoramento", ademais de falta de oportunidades para a poboación que vive en contornas rurais.

De acordo con datos da propia Xunta, son 10.000 os galegos que cursan este tipo de ensinos, uns 7.300 no seis EPAPU (centros públicos de educación e promoción de adultos) das seis cidades xunto ao instituto compostelán San Clemente --este último cuns 2.000 que seguen clases de forma telemática--.

Ademais, tamén hai cinco escolas de formación permanente de adultos nos cárceres galegos, pero "aí é máis difícil ser rigoroso porque a matrícula se renova cada dous meses", segundo apunta a organización sindical. A este compendio hai que sumar outros centros que tamén imparten algunhas materias para adultos. En global, o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, considerou "fundamental preservar a actual rede de centros" e con iso "preservar a presencialidade".

"Se segue para diante --a lei-- e déixase sen efecto a actual rede sería unha das peores noticias no ámbito educativo nos últimos anos", advertiu, en rolda de prensa. Deste xeito referiuse a a Lei de Aprendizaxe ao Longo da Vida Adulta, da que tanto el como Montse Pernas, ao seu lado, censuraron que é "a primeira que pretende promulgar o actual Goberno de Rueda de carácter educativo e non pasou por ningún tipo de filtro ou control, nin se someteu a debate".

Centro de educación para persoas adultas
Centro de educación para persoas adultas | Fonte: JCCM - Arquivo

XUNTA

Pola súa banda, a Consellería de Educación responde á CIG que "unicamente hai un cambio de nomenclatura" dos centros de ensinos para adultos na nova lei na que traballa a Xunta.

Ademais, replica á central nacionalista que o texto estivo "aberto á consulta pública previa" entre o 11 e o 25 de abril, en relación coa denuncia de "falta de filtros" e "debate". A nova norma, segundo sinalan fontes da consellería a Europa Press, "busca potenciar estes ensinos dado que nos últimos anos están a perder progresivamente alumnos".

Así, indica Educación que "só na última década reduciuse máis da metade" o número de alumnos, ao pasar de 22.539 a 10.054 no curso 22/23. Atribúe esta caída na matrícula "principalmente" á "progresiva redución do abandono escolar" e engade que coa nova lei de adultos espera "facer estes ensinos máis atractivas para o contexto actual".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta