Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/04/2025 | Actualizada ás 10:52
CIG-Ensino denuncia que Educación ten ten preto de 100 vacantes de profesorado sen cubrir para aforrar en salarios desde hai tres semanas. Tal e como é costume desde o inicio dos recortes de 2010, a consellaría finalizou os chamamentos para a cobertura de substitucións dúas semanas antes do período non lectivo de Semana Santa. Desde o día 1 non houbo máis chamamentos, o que na práctica significa que até o día 23 non se incorporarán docentes que os centros demandan.
"Máis de tres semanas, ou o que é o mesmo, 23 días son os que a Consellaría vai aforrar en salarios de docentes que precisan os centros educativos públicos dado que o último día no que realizou chamamentos das listaxes de substitución foi o martes da semana pasada e non o volverá facer até o día 22", critica a CIG.
Nun comunicado lembra que hai vacantes subidas con data do 31 de marzo e as incorporacións do profesorado substituto non se producirán como mínimo até o mércores 23. A día de hoxe entre as vacantes que hai subidas atópanse varias xubilacións, moitas baixas por enfermidade que se prevén de longa duración, permisos de paternidade, titorías en Primaria e Infantil e especialistas en atención á diversidade coincidindo co momento previo á avaliación e á entrega das cualificacións. ·É precisamente nestes períodos cando a ausencia de profesorado se fai máis evidente e cando os centros sofren máis que non se cubran canto antes estas substitucións", advirte o sindicato.
"A administración desatende, unha vez máis, as demandas da comunidade educativa e deixa en mans dos escasos cadros de persoal dos centros que se organicen sen o profesorado necesario coa intención de que á volta das vacacións algunha destas vacantes non siga sendo necesaria", engade. Por iso, anima o persoal docente e as direccións dos centros a que socialicen esta situación de recorte de persoal e "actúen con responsabilidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.