O BNG reclama no Congreso un plan para acabar coas verteduras ao río Barbaña

O deputado Néstor Rego lembrou que solicitaron especificamente que se desenvolvese un plan para o saneamento e a rexeneración integral do río, así como do Loña.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/04/2023 | Actualizada ás 18:46

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, visitou Ourense para manter unha reunión cos candidatos ás alcaldías dos concellos de Ourense, Barbadás e San Cibrao das Viñas, aos que urxiu colaborar para acabar coas verteduras ao río Barbaña.

Así, o deputado estivo acompañado polo candidato á alcaldía de Ourense, Luís Seara, o candidato no Concello de Barbadás, Sarín Núñez, e o candidato en San Cibrao das Viñas, Artai Gavilanes, cos que abordou a necesidade de completar o saneamento integral desta canle fluvial.

Rego lembrou que o Bloque leva tempo insistindo a través de numerosas iniciativas "tanto a nivel local, como galego, estatal e mesmo europeo" na necesidade de sanear integralmente este río; apostilando que para a formación "o saneamento das canles fluviais é extremadamente importante para construír un futuro sustentable".

Con este recordatorio, o deputado referiuse a as iniciativas que desde a formación nacionallista rexistraron no Congreso a través de emendas aos diferentes proxectos de Orzamentos Xerais do Estado. En concreto, no referido ao saneamento do río Barbaña, Néstor Rego expuxo que solicitaron especificamente que se desenvolvese un plan para o saneamento e a rexeneración integral do río, así como do Loña.

Unha iniciativa que, apuntou, non saíu adiante polo voto negativo "das forzas que conforman o actual Goberno do Estado, Partido Socialista e Podemos", a quen pediu que expliquen porqué votan en contra de propostas que "son de sentido común" e benefician aos veciños do tres concellos ourensáns.

Rego avanzou que coa súa presenza en Ourense quere "afianzar e reafirmar" o compromiso do BNG co saneamento e a rexeneración do río, garantindo que "non dan a batalla por perdida". Engadiu que esixirán ao Ministerio que se poña de acordo "canto antes" co Concello de San Cibrao das Viñas para a ampliación da EDAR, para solucionar os problemas de verteduras, á vez que dar solución á depuración de augas do polígono.

Así mesmo, Rego fixo alusións ás eleccións do 28 de maio trasladando que "serán fundamentais" para liquidar este problema. "É necesario conseguir en Ourense, Barbadás e San Cibrao gobernos sensibles con esta problemática, que actúen activamente e non sexan espectadores. Necesitamos, por tanto, gobernos do BNG", censurou, esgrimiu.

COLABORACION

Pola súa banda, o candidato á alcaldía de Ourense, Luís Seara, sinalou que o Barbaña "atravesa o corazón da cidade" ao pasar á beira das Burgas, anotando que, a pesar diso, "Ourense nunca tivo unha relación simbiótica co río". Neste sentido, criticou a última gran limpeza levada a cabo polo goberno local porque "foi extremadamente agresiva ata o punto de levar por diante a maior parte das especies riparias deixando invasoras".

Seara expuxo que a propia Confederación Hidrográfica Miño Sil sitúa ao Barbaña e ao Loña como os ríos "con máis presión contaminante", é por iso que se suma á petición de Néstor Rego de ampliar a EDAR de San Cibrao para paliar a situación.

"Pedimos que a CHMS e o Concello de San Cibrao deixen de tirarse os trastes á cabeza, fagan o seu traballo e execútese a obra", insistiu Seara, apostilando que, de non estar terminada no 2025, "perderíanse os 15 millóns de euros dos fondos europeos para a súa execución, é dicir o 50% do financiamento".

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego durante unha rolda de prensa
O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego durante unha rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta